congreso

Néstor Rego sobre a aprobación da Lei ELA: “O BNG sempre contribúe a mellorar a vida da xente”

Néstor Rego
Néstor Rego

O BNG vota, tal e como sempre fixo durante estes anos, a favor na última votación no Congreso a Proposición de Lei para mellorar a calidade de vida das persoas con ELA

Rego felicita as asociacións polo traballo realizado e o impulso decisivo que fixeron para que esta Lei “hoxe sexa unha realidade”, facendo especial mención a AGAELA

O Bloque Nacionalista Galego vota a favor da última votación no Congreso da Proposición de Lei para mellorar a calidade de vida de persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica e outras enfermidades ou procesos de alta complexidade e curso irreversible, tal e como veu facendo e defendendo durante estes anos. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, felicitou as asociacións -con especial mención á asociación galega, AGAELA- e agradeceu o seu traballo realizado, así como o impulso decisivo que fixeron para que esta lei saíse adiante e sexa unha realidade.

“O BNG mantivo catro emendas que mellorarían a lei mais, en todo caso, non hai ningunha dúbida de que imos aprobar esta lei e farémolo con convicción e entusiasmo” afirmou o deputado do BNG no Congreso. Unhas emendas, destaca, que ían no sentido de ampliar a aplicación desta lei para outras persoas que padezan outros procesos neurolóxicos sempre que teñan un prognostico evolutivo que afecte as capacidades das persoas diagnosticadas de forma paulatina.

“Tamén para que sexan recoñecida a discapacidade de 33%, co diagnóstico, a persoas con ELA e outras enfermidades neurodexenerativas como esclerose múltiple ou semellantes, ou 65% a partir dun ano porque na Lei se prevé de 33%” sinala. Por último, unha emenda para que haxa financiamento suficiente ás Comunidades Autónomas para facer efectivas as previsións desta Lei.

Congratulámonos, sinala o deputado nacionalista, de ter dado este paso. “Felicitar os colectivos da ELA polo traballo realizado e polo impulso decisivo que fixeron para que esta lei sexa hoxe unha realidade, unha mención especial á Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA)” incide Rego. O BNG, sinala o deputado nacionalista, sempre contribúe e contribuirá a mellorar a vida da xente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG