Redución, reutilización e reciclaxe no canto da incineración como modelo de xestión de residuos

A Comisión Promotora da Iniciativa Lexislativa Popular a favor da redución, reutilización e reciclaxe entregou a súa proposta ao Comisario de Medioambiente da UE, Janez Potocnik

Miranda: "Só cumprindo a normativa europea de residuos se crearían 400.000 empregos na UE"

Expertos de toda Europa participan na conferencia Máis alá da reciclaxe: Boas prácticas na xestión de residuos na UE organizada polo BNG

O BNG defendeu no Parlamento Europeo unha xestión dos residuos en Galiza baseada na redución, reutilización e reciclaxe, -as 3Rs-, como alternativa á incineración, por ser máis eficiente na preservación do medioambiente, por ter un menor custe e pola súa capacidade para xerar emprego.

No seo da xornada Máis alá da reciclaxe: Boas prácticas na xestión de residuos na UE, organizada pola formación nacionalista a través do Grupo Verdes/ALE, a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, salientou que "os datos da Comisión Europea indican que só cumprindo a actual normativa europea en materia de xestión de residuos se crearían 400.000 postos de traballo na UE".

Á conferencia tamén asistiu, convidada polo BNG, unha representación da Comisión Promotora da Iniciativa Lexislativa Popular para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe, que explicou e fixo entrega do texto la ILP ao comisario de Medioambiente da UE, Janez Potocnik.

Na súa intervención en nome da Comisión Promotora da ILP, o catedrático da Universidade da Coruña, Manuel Soto, explicou que Galiza ten un modelo de xestión de residuos baseado na incineración.

"A Sogama chega o 80% dos residuos que producimos, o 20% restante vai para as plantas de Lousame e da Coruña. No caso de Sogama apenas se recicla un 5% de todos os residuos que reciben, o resto se incinera ou vai para o vertedoiro de Areosa que forma parte do complexo. Por contra, na planta do Barbanza a porcentaxe de reciclaxe chega ao 40%", explicou na Eurocámara.

O portavoz da Comisión Promotora da ILP, avanzou que o obxectivo do Goberno galego é "incinerar o 70% dos residuos", incrementando a actual capacidade de Sogama ou mediante novas plantas e expresou a súa confianza de que esa estratexia non reciba fondos comunitarios. "Só se construirá unha nova incineradora se hai fondos europeos para ese proxecto", concluíu.

"É preciso mudar de modelo, porque a día de hoxe Galiza apenas recicla un 10% do total de residuos que produce, cando a media da UE é do 40%, e isto conséguese cumprindo a normativa comunitaria. A incineración é un fracaso en termos medioambientais e económicos, por iso é politicamente irresponsable o empeño da Xunta en persistir nese camiño", alegou Miranda.

Ademais de Soto, a delegación galega estaba integrada por Celestino Quintela, da Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe, María Rodríguez, responsable de Adega, Xosé Manuel López, da Plataforma Incineradora No Deza Non, Marta Domínguez, técnica do Complexo Medioambiental de Tratamento de RSU da Mancomunidade de Concellos do Barbanza e Rocío da Igrexa, portavoz municipal do BNG no Concello de Cerceda que alberga a planta de Sogama.

O programa da xornada completouse coa proxección do documental "Trashed" recentemente presentado no Festival de Cannes, seguido dun coloquio con Jeremy Irons, quen participa como actor e produtor deste documental que aborda a problemática da xestión de residuos e as consecuencias medioambientais as que nos enfrontamos a nivel planetario.

Ligazón do trailer do documental "Trashed": http://www.trashedfilm.com/

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG