Galegas 2024

Rede pública de residencias de maiores: a partir do 18-F co BNG no goberno galego

Residencias
Residencias

Noa Presas: “Ourense é o exemplo de como non hai que facer as cousas e a partir do 18F comprometémonos a que a vellez sexa un dereito e non un negocio”

Avanza un novo modelo de atención centrado nas persoas, a Estratexia Fogar e o aumento das prazas públicas en residencias de maiores

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, comprométese a que, a partir do 18F cun goberno galego liderado pola organización nacionalista, as infraestruturas sufragadas con fondos públicos -como a residencia de maiores de Vilariño de Conso- sexan de xestión pública e directa. Presas avanza o impulso da Estratexia Fogar, no marco da atención das persoas máis maiores, así como a aprobación dunha Lei Galega de Residencias co obxectivo de que a vellez sexa un dereito e non un negocio.

No marco das eleccións ao Parlamento de Galiza, Noa Presas, visitou a localidade de Vilariño de Conso para denunciar a privatización da residencia de maiores da localidade. Durante a visita, a cabeza de lista estivo acompañada do candidato número 4 da formación nacionalista, Secundino Fernández.

Ourense posúe a maior poboación maior de 65 anos de Galiza e, pese a este dato, é o territorio con menos prazas públicas de residencias para maiores. “Ourense é o exemplo de como non hai que facer as cousas e a partir do 18F comprometémonos a que a vellez sexa un dereito e non un negocio” afirma Presas, cabeza de lista do BNG nas vindeiras eleccións ao Parlamento de Galiza.

“Comprometémonos a que a xestión de infraestruturas que foron sufragadas con cartos públicos, como esta de Vilariño de Conso, sexan de xestión pública e directa” apunta. Paralelamente, Presas engade que a súa organización impulsará á fronte da Xunta de Galiza a Estratexia Fogar “para intentar que as persoas maiores estean o mellor atendidas posibles nas súas casas até que xa non teñan outra alternativa e comprometémonos tamén a ter un avellentamento activo”.

Lei Galega de Residencias

Noa Presas defende a necesidade de aprobar un novo modelo de residencias públicas baseado en principios racionais e garantindo o dereito a unha vellez digna “e non converténdoa nun negocio como nos levaron os últimos 15 anos de goberno do Partido Popular”. Entre os principios que desenvolve a Lei destaca o límite de prazas por residencia, a incorporación de novos criterios para o cálculo das rateos de persoal e mesmo a supervisión, a inspección como métodos de control e transparencia.

Un modelo de atención, explica a cabeza de lista do BNG, centrado nas persoas e que debe ser integral. Debe contar, este modelo, cun plan de atención individualizado para cada persoa usuaria no que se faga unha valoración integral, se establezan obxectivos, medidas para conseguilos e un acaído seguimento.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG