O Recortazo de Rajoy non foi votado polo pobo, así que "ou referéndum ou eleccións anticipadas"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou este xoves que a maioría absoluta non lle dá lexitimidade ao PP para aplicar un Recortazo que non conta co aval democrático das e dos eleitores.

“Os votantes do PP non votaron isto”, dixo Guillerme, quen remarcou que en boa lóxica democrática o Goberno Rajoy é desde onte un goberno ilexítimo. “Isto só ten unha saída: a de devolver a voz ao pobo. Ou referéndum ou eleccións anticipadas”, afirmou.

É profundamente inmoral cargar os custos da crise sobre o pobo mentres os ricos continúan sen pagar impostos

O portavoz nacional pronunciouse nestes termos após realizar unha visita institucional ao concello de Carballo, con cuxa equipa de goberno, liderada polo alcalde Evencio Ferrero, mantivo unha reunión de traballo.

Impacto do Recortazo na Administración local

No encontro analisaron o impacto que irá ter o recortazo na administración local. Concordaron en que resulta aberrante responsabilizar da crise aos concellos e propor como saída a redución do número de concelleiros e concelleiras, “está claro que ao PP lle sobra a democracia”, afirmou Guillerme. O portavoz nacional denunciou que o PP aproveita a crise para reforzar as institucións que precisamente debería suprimir, as Deputacións, auténticos buracos negros de despilfarro de recursos públicos.

Por que os deputados do PP aplaudiron desde as bancadas medidas que aumentarán o sufrimento social e agravarán a crise?

Guillerme tildou o Recortazo de “salvaxe”, “suicida” e “profundamente inmoral”. “É profundamente inmoral porque fai recaír o peso da crise no pobo, mentres os ricos se volven saír de rositas. Este Goberno tan valente -ironizou- non toca os ricos”.

As mentiras de Rajoy

Negou que fose certa a argumentación de Rajoy de que neste momento o Estado non ten máis opción que a de endebedarse nos mercados internacionais. “Non é certo que non haxa recursos económicos no Estado. O problema é que non se recadan porque os ricos literalmente non pagan impostos. Reforma Fiscal progresiva xa!”, dixo.

Perguntouse que aplaudía a bancada do PP onte no Parlamento. “Aplaudía a suba do IVE? A redución das prestacións de desemprego? Aplaudía a supresión dunha paga para máis de dous millóns de empregados públicos?”, inquiriu o portavoz nacional.

Insumisión e chamamento

Chamou á mobilización e á insumisón fronte “a medidas tan inxustas como inútiles para saírmos da crise” e fixo un chamamento ás eleitoras e aos eleitores do PP para que “reflexionen sobre o feito de que deron o seu apoio a quen agora os está a castigar”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG