Rajoy ten que deixar o electoralismo e dar a cara sobre os recortes brutais que ten pensado aplicar

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, esixiu este domingo a Rajoy que dea a cara para explicar os “drásticos” e “brutais” recortes que pensa aplicar en vez de asistir a Santiago ao acto de entrega do Códice, “un acto electoralista máis propio de tempos pretéritos, de subordinación do poder civil ao relixioso”.

Jorquera, que asistiu en Tomiño á súa tradicional Festa Nacionalista, advertiu que as medidas que o goberno central está pondo sobre a mesa van conlevar que a recesión se agrave e se transforme nunha grande depresión económica que empobrecerá aínda máis ás clases medias e expulsará do sistema a parte da poboación.

Estado intervido

Para o candidato nacionalista, estas medidas que Rajoy non se atreve a explicitar, demostran que a o estado español é un estado intervido a efectos prácticos, pois se van aplicar as mesmas medidas e recetas que se adoptaron, por exemplo, en Grecia, e que conduciron a este País á situación de derrumbe na que se atopa, “unha situación insostíbel para a súa sociedade”.

As medidas que está pondo sobre a mesa o goberno do Estado van empobrecer aínda máis ás clases medias e expulsar do sistema a parte da poboación

“Visto isto -engadiu- é necesario un cambio de rumbo nas políticas públicas, para que as persoas estean por riba dos dictados dos mercados, das esixencias dos grandes poderes económicos”.

Referendum

Neste sentido, Jorquera apelou á que se lle dea voz aos cidadáns, que teñan dereito a opinar a través dun referendum tanto polos recortes como polo feito de que Rajoy foi incumprindo todos e cada un dos seus compromisos, pois ningunha das medidas que está a adoptar está incluida no seu programa.

Fortaleza de Goián

O candidato nacionalista aproveitou a súa visita á Fortaleza de Goián, unha actuación do concello de Tomiño, gobernado polo BNG con maioría absoluta, que se acaba de inaugurar recientemente, para demostrar como é posíbel pór en valor o patrimonio galego.

“Esta acuación exemplar -dixo- contrasta coa deixadez do goberno da Xunta na asunción das súas competencias, á hora de garantir a seguranza dos bens patrimoniaias galegos, nomeadamente pezas como o Códice”.

Sumisión do poder civil ao relixioso

Jorquera lamentou actos como o celebrado hoxe en Santiago, de entrega do Códice por parte de Rajoy, que, na súa opinión, son máis propios de tempos pretéritos que de tempos democráticos.

“A imaxe de hoxe foi unha imaxe de subordinación do poder civil ao poder relixioso”, dixo, ao tempo que pediu que se abra expediente á Igrexa polo acontecido co Códice e se tomen as medidas necesarias para que a custodia deste tipo de obras depende dos poderes públicos, que aseguren o seu coidado e o seu acceso ás visitas e aos historiadores.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG