No debate do pleno do Parlamento Europeo “Desafíos aos que se enfrontan os agricultores e os traballadores agrícolas da Unión: mellora das súas condicións laborais, en particular do seu benestar mental”, Ana Miranda denunciou as negativas consecuencias que terá a instalación da macrocelulosa Altri en Palas de Rei sobre o sector agrario e gandeiro galego.
“Como eurodeputada galega sei que o traballo na terra é canso, duro e perigoso. Falamos hoxe do benestar dos agricultores. O que hai é malestar”, manifestou Miranda ao inicio da súa intervención na Eurocámara. “No meu país queren instalar unha macrocelulosa contaminante que vai ocupar os terreos produtivos agrarios máis fértiles do noso país, e que vai requirir aínda máis plantacións de eucalipto, consumindo moita auga. Iso si que provoca malestar. O malestar de 100.000 persoas que saíron as rúas para dicir Altri Non”, subliñou.
Entre as consecuencias negativas da macrocelulosa que o PP quere instalar en Palas de Rei destaca a utilización da auga por parte de Altri tanto do río Ulla como do encoro de Portodemouros, así como a afectación dunha zona rica en biodiversidade como é a Rede Natura (ZEC Serra del Careón, ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza e ZEC Sobreirais del Arnego.
Ademais, Altri prevé que a súa planta consuma 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano, co risco que supón de aumento de incendios, e 46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Portodemouros. Deste total de auga prevé verter 30 millóns de litros contaminados ao río Ulla, a unha temperatura de entre 27º e 29º, que por outro lado afectaría tanto á flora e fauna da zona, como a zonas pesqueiras e marisqueiras da ría de Arousa.
Produtores discriminados
“Hai anos que desde o meu país, a Galiza, queixámonos das malas condicións de traballo, da baixada dos prezos, das vendas por debaixo do custo de produción e de que moitos terratenentes reciben en Europea axudas sen traballar e os agricultores pequenos, os produtores de leite e de carne son discriminados”, manifestou a eurodeputada do Bloque.
“A estas incertezas sobre o futuro da súa fonte de ingresos temos que sumar un acordo co Mercosur que ameaza o sector, ao ter que competir en condicións desiguais con produtos máis baratos e producidos, en moitos casos, con pesticidas prohibidos en Europa”, denunciou.