A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón recriminou hoxe a Núñez Feixóo que o “seu balance en Igualdade é o mesmo que propón a extrema dereita en Andalucía e que aplicou en Galiza durante dez anos”.
Para a nacionalista, a política de Igualdade do Goberno galego, con Núñez Feixóo, á cabeza, limítase a colocar todos os 8 de marzo “un lazo lila na solapa”.
Na pregunta ao presidente, explicou que o pasado 8 de marzo miles de galegas parábamos para dicir que o mundo sen mulleres non funciona e que estamos “fartas de discriminacións, de violencias machistas, de teitos de cristal e chans pegañentos. Fartas de paternalismos e de que os homes queiran falar por nós”.
Saimos a rúa, remarcou Pontón a pesar de escoitar como nos insultaba o Partido popular cualificando a folga de “machista e elitista”, e mesmo constatamos como vostede, “boicoteaba este dereito cuns servizos mínimos que o Tribunal Superior de Xustiza declarou abusivos e maliciosos”.
O PP NON TOMOU NOTA DO 8M E SEGUE NA SENDA INVOLUCIONISTA
Ao día seguinte cando viron a resposta masiva das mulleres, recuaron, e dixeron que había que tomar nota e xa vemos como a tomaron: “Axitando un discurso involucionista” contra as mulleres como fai o seu xefe de filas, Pablo Casado con frases como: “Si queremos financiar las pensiones, lo que deberiamos pensar es en como tenemos máis niños y no en como los abortamos”. Ese Pablo Casado que en vez de dicir maltratador fala de "esa persona que no se está portando bien con las mujeres”, ou que pretende explicarnos que é estar embarazada e que significa abortar: “Es bueno que sepan, simplemente sepan, lo que llevan dentro"
Sen embargo, dixo Pontón, nada disto me sorprende se temos en conta o seu balance de goberno en materia de igualdade porque as propostas que o PP pactou coa extrema dereita en Andalucía e que tanto escandalizan, xa as leva vostede aplicando aquí desde hai 10 anos cando “recortou as axudas ás vítimas de violencia machista, cando se cargou a rede de apoio ás mulleres maltratadas, cando desviou fondos de igualdade para a Red Madre antiabortista, cando suprimiu o Servizo galego de Igualdade ou cando incumpre a Lei de Igualdade e de loita contra a violencia machista”. Sr. Feixóo, reiterou, “este é o seu balance marcando un camiño que agora quere seguir o PP coa extrema dereita en Andalucía”.
As súas políticas teñen consecuencias, denunciou a portavoz do BNG: “Menos protección para as mulleres en situación de violencia, menos emprego e máis precario, incremento da fenda salarial e que miles de mulleres vivan a conciliación como pura ciencia ficción”.
O RITUAL DO LAZO VIOLETA NA SOLAPA
Finalmente, a portavoz nacionalista reclamou ao presidente da Xunta que demostre que realmente tomou nota do 8M, e “deixe de boicotear”. Súmese á proposta do BNG para que Parlamento apoie a folga e reivindicacións do 8M, demandou Pontón a Feixóo.