O primeiro pleno do Parlamento debatirá as ILP de SOS Sanidade Pública e Preescolar na Casa

Grazas ao pulo do BNG, o debate das dúas Iniciativas Lexislaturas Populares forma parte dunha orde do día na que tamén destaca a pregunta de Jorquera a Feijóo sobre as súas "políticas lingüicidas"

O portavoz do G.P do BNG, Francisco Jorquera, amosou a súa satisfacción porque o primeiro pleno desta lexislatura inclúa na súa orde do día o debate de dúas Iniciativas Lexislativas Populares, a instancias do BNG: sobre a defensa da sanidade pública e sobre a continuidade de Preescolar na casa.

Jorquera advertiu ao PP de que o apoio ao debate destas iniciativas non pode servir de coartada para “cubrir a súa cuota de respeito ao pluralismo”.

“Teño reparos de cal vai ser a súa actitude a este respecto –engadiu- e boa proba é que mentres daban para adiante a estas iniciativas, os populares se opuxeron a todas as solicitudes de comparecencia de membros do goberno feitas pola oposición”.

Veto de comparecencias

Neste sentido, na rolda posterior á Xunta de Portavoces, o voceiro parlamentar do BNG asegurou que non é o mellor xeito de comezar a lexislatura dar só o visto e prace ás comparecencias solicitadas polo propio goberno, “a conveniencia do goberno”.

É incomprensíbel que o goberno só compareza a conveniencia do propio goberno e que a Mesa considere que o futuro da CDC non é un asunto de interese xeral

Comparecencias que, ademais, non se van sustanciar até o mes de Febreiro, pois en Xaneiro os conselleiros terán que dar contas dos orzamentos para 2013, lembrou.

Para Jorquera, con esta actitude o PP insiste nunha mala praxe que xa é histórica cando ostenta a maioría na Cámara e que vai en claro detrimento do labor de control que debe ter o Parlamento.

Políticas Lingüicidas

Sobre os asuntos que o BNG incluirá na orde do día, o portavoz do grupo nacionalista salientou a pregunta a Feijoó, sobre as súas “políticas lingüicidas” malia a sentenza do TSXG.

“A pregunta está xustificada –dixo- porque estamos ante un presidente que desoe a sentenza e a crítica unánime da comunidade educativa e non contento con iso se inhibe tamén á hora de defender as competencias autonómicas ante a Lei Wert; non só se inhibe senón que presume, para vergoña de Galiza, de que o modelo que quer impoñer o ministro xa o aplicou el no País”.

A situación que atravesan as empresas Alfageme e Cementeira Cosmos, a conversión de Nova Galicia Banco en entidade pública e asegurar a pervivencia do sector leitero galego son outros dos temas que defenderá o BNG neste primeiro pleno.

Jorquera salientou igualmente unha proposición non de lei con actuacións para crear un patrimonio público de vivendas para garantir o dereito á vivenda.

Cidade da Cultura

O voceiro do BNG rematou a súa intervención amosando a súa sorpresa pola decisión da Mesa de non cualificar unha interpelación nacionalista sobre o futuro dos edificios da Cidade da Cultura co argumento de que “non é de interese xeral”.

Para o parlamentar, esta é unha interpretación “torticeira” do regulamento e lembrou que o Gaiás consume boa parte dos recursos públicos destinados á cultura, polo que o seu futuro si é de interese para todos os galegos e galegas.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG