Prima de risco en 539 e Rajoy sen comparecer

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, pergúntase que ten que pasar para que Rajoy compareza no Congreso e asuma as súas responsabilidades, despois de que hoxe a prima de risco se situase na estratosférica altura dos 539 puntos.

“Rajoy fáltalle o respecto á cidadanía ao non dar explicacións sobre a gravísima situación que atravesamos alí onde as ten que dar nunha democracia, no Parlamento como institución representativa das cidadás e dos cidadáns”, valora Jorquera.

O Goberno do PP, superado polos acontecimentos

A xuízo do líder nacionalista, o Goberno do PP está superado polos acontecimentos: “Non goberna. Limítase a aplicar receitas fracasas. Non proba nada novo. Non ten plan B. Non leva nin medio ano de exercicio e xa é un goberno esgotado”.

Insistir na vía dos recortes é unha política suicida que só conduce ao desastre social e ao agravamento da Recesión. “A consecuencia é que o Estado cada día recada menos por impostos, ante a caída da actividade económica, e portanto cada día é máis dependente dos mercados para se financiar. Loxicamente isto presiona á alza a prima de risco, até o punto de que a situación comeza a se tornar insustentábel para calquera Facenda pública”, razona o candidato nacionalista.

Si hai alternativas

Si hai alternativas. Jorquera enuméraas: “Hai que revisar en profundidade o papel do Banco Central Europeu. Ten que ser o Banco dos Estados e non o banco dos bancos privados. Neste momento dedícase a financiar á banca especulativa, a unha banca que xoga ao casino coa débeda soberana, como se está a ver na escalada da prima de risco española”. Un novo Banco Central Europeu e unha nova política fiscal no Estado español. “Si hai recursos para financiar outras políticas desde o sector público que podan reactivar a economía, estimular a demanda interna e criar emprego de calidade. O problema é que eses recursos non se recadan. A fraude fiscal alcanza no Estado español cifras mareantes. Até 70.000 millóns de euros!”, analisa Jorquera.

O Estado debe financiarse pedíndolle moito máis ás grandes fortunas através dunha reforma fiscal verdadeiramente progresiva que libere á Facenda pública da súa “dependencia enfermiza” dos mercados. “E aí onde hai que ir e non aos mercados financeiros internacionais, que sempre van a querer un prezo máis alto polo seu diñeiro”, argumenta Jorquera.

O Goberno do PP xa é un goberno esgotado. Un goberno que só sabe aplicar políticas fracasadas. Un goberno sen plan B

A proposta de Banca Pública -no caso de Galiza, Banca Pública Galega- completa o abano das alternativas do BNG. “Cunha banca pública tronzas de raíz o funcionamento especulativo do sistema financeiro. Neste momento todos os recursos financieros se están a deitar nos circuitos especulativos e iso é letal para a economía produtiva, para a reactivación económica e para o emprego”, conclúe Jorquera.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG