Senado

BNG exercerá presión ao Goberno sobre o futuro da AP-9

Carme da Silva
Carme da Silva

“Que decisión adoptará o Goberno do Estado ante a situación concesional da Autoestrada do Atlántico (AP-9)?” será a pregunta do BNG no Senado

Carme da Silva: “Non imos parar até conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes. É o momento e o Goberno do Estado pode e debe facer xustiza”

O cara a cara entre Carme da Silva e Óscar Puentes será durante a sesión de control ao Goberno na cámara alta o vindeiro martes, 10 de setembro

A senadora do BNG, Carme da Silva, participará na sesión de control ao Goberno do Estado do vindeiro martes, 10 de setembro, preguntando ao Ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel sobre o futuro da Autoestrada do Atlántico. O Bloque Nacionalista Galego demandará ao executivo estatal anular a concesión da AP-9 e transferila á Galiza libre de cargas para conseguir, tal e como vén solicitando a organización nacionalista e o conxunto da sociedade galega, unha “AP-9 galega e libre de peaxes”.

“Non imos parar até conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes. Os sucesivos gobernos do Estado, de PP e PSOE, non atenderon esta reivindicación da sociedade galega e mesmo levaron a cabo prórrogas discriminatorias que lastraron o desenvolvemento social e económico do noso País” adianta a senadora nacionalista. Neste sentido, durante a sesión de control, Carme da Silva aproveitará a súa pregunta ao Goberno para  exixir a Puente que “renuncie a seguir discriminando a Galiza e o Goberno faga xustiza” anulando a concesión da prórroga, aprobada polo goberno popular de Aznar, e transfira a titularidade da infraestrutura ao País, sendo esta transferencia libre de cargas.

Para a senadora do BNG, non é coherente afirmar que foi unha decisión inxusta e pretender mantela a toda costa. “Tampouco é coherente que o Goberno continúe a defender a legalidade da prórroga da AP-9 cando a Comisión Europea asegura que, coa documentación que posúen, deduce que existía a intención de privatizala cando se fixo a prórroga e, polo tanto, esta decisión foi fraudulenta” enfatiza Carme da Silva. Alén do máis, engade que agora a Unión Europea considera esta prórroga como ilegal por vulnerar o principio de libre concorrencia.

“O Goberno ten dúas opcións: ou é cómplice da concesionaria e, polo tanto, dunha decisión inxusta realizada polo Partido Popular liderado por Aznar; ou declarar nula a concesión da AP-9 e escoitar as demandas do conxunto da sociedade galega que quere pór fin ás abusivas peaxes da infraestruturas e que esta autoestrada sexa unha vía de xestión galega e gratuíta” avanza Carme da Silva.

“O BNG seguirá actuando en coherencia e na defensa dos intereses dos galegos e galegas. As forzas estatais, que sempre se alternaron en discriminar a Galiza, permiten o rescate das radiais madrileñas, cifrada en miles de millóns, ou calquera outro investimento” evidencia da Silva. En palabras da senadora, o BNG non vai consentir que os galegos e galegas “teñan que loitar por cada euro” nin que a Galiza “teña un trato de segunda” e traballará e presionará o Goberno para cumprir coa Galiza. “Ten a obriga moral e política de facelo” sentenza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG