Galegas 2024

Presas avanza o impulso e apoio do sector agrogandeiro na Limia após o 18F cun goberno do BNG

Acto Xinzo de Limia
Acto Xinzo de Limia

Noa Presas comprométese a blindar e garantir servizos públicos de calidade e levar a cabo un plan de choque de 200M€ en Atención Primaria e asegurar a atención pediátrica na comarca

Presenta o Plan Ourense Vivo con medidas para rematar coa discriminación que sofren as comarcas ourensás e impulsar os sectores estratéxicos de Ourense

Sonia Vidal mostra o apoio da organización nacionalista ao sector agrogandeiro galego e erixe o BNG como “a única forza capaz de reverter o desmantelamento dos nosos sectores produtivos”

A cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, chama a concentrar o voto no BNG para “rematar coa discriminación que sofren as comarcas ourensás” tras 15 anos de abandono por parte da Xunta do PP. Presas avanza un plan territorial específico para a comarca da Limia que garanta servizos públicos de calidade e impulse o desenvolvemento social e económico da Limia, apoiando e defendendo sectores produtivos e estratéxicos da comarca.

A cabeza de lista participa nun encontro coa veciñanza de Xinzo de Limia e pide a súa confianza nas eleccións do vindeiro 18F para “facer historia” e ter por vez primeira unha muller nacionalista como presidenta. “O BNG está preparado para gobernar. Temos un proxecto para levar a cabo a maior transformación social e económica de Galiza feita nas últimas décadas. Temos as persoas para levalo a cabo. Mais, sobre todo, temos á mellor candidata para liderar o cambio político que precisa este País” afirma Presas.

No acto tamén interviñeron o portavoz municipal do BNG, Camilo Vila, e o exvicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. Así mesmo, tomaron a palabra as tamén candidatas do BNG, Xaira Pena e Sonia Vidal.

“A Limia precisa un goberno que defenda os intereses dos seus sectores estratéxicos como é o caso da pataca. Temos varios retos por diante mais estou segura de que Ana Pontón negociará coas mans libres un verdadeiro financiamento para o regadío da Limia” asegura a cabeza de lista do BNG. Así mesmo, comprométese a impulsar ás estruturas de produción de pataca de semente propia, así como o apoio á instalación de empresas transformadoras.

Apostar, engade, por un medio rural vivo e garantir o relevo xeracional nos nosos sectores produtivos, a través dun plan de incorporación da mocidade á actividade agraria. Mais, paralelamente Presas sinala a proposta para crear medidas de apoio ás actividades económicas non agrarias que se asenten nas zonas do rural como método para fixar e atraer poboación. “O Ticket rural establece unha axuda económica de entre 10.000 a 15.000 €/ano a proxectos que se asenten no medio rural, durante os 5 primeiros anos “ asevera Presas.

Blindar e garantir servizos públicos de calidade

“O noso compromiso é que os nosos dereitos sanitarios estean garantidos con independencia do lugar onde vivimos e, por suposto, tamén o de pediatría” asegura Presas. Neste sentido, avanza un plan de choque urxente para solucionar as eivas existentes na Atención Primaria e “faremos unha política proactiva para que as e os profesionais veñan aquí a vivir e fagan o seu proxecto de vida e os nenos e nenas da Limia poidan ter unha pediatría de primeira”.

Por outra parte, a candidata número 3, Sonia Vidal, mostrou o apoio da organización nacionalista ao sector agrogandeiro e sinala a oportunidade histórica que representa o 18F para reverter esta situación. Neste sentido, erixe o BNG “a única forza capaz de reverter o desmantelamento dos nosos sectores produtivos”. Porque xa o fixemos no seu momento, na Consellería de Medio Rural con Suárez Canal á cabeza, impulsando medidas como o banco de terras e garantir prezos aos contratos homologados”.

Máis unha vez, engade Vidal, o BNG está preparado para reverter o desmantelamento “dos nosos sectores produtivos”. “Só hai unha posibilidade para que isto mude e non é outra que un goberno do BNG coas mans libres para defendes os intereses dos nosos sectores produtivos” engade.

Do mesmo xeito, lembra que o nacionalismo galego –ademais de apoiar sempre o sector agrogandeiro galego- desde a implantación da PAC analizaron que esa política “suporía o desmantelamento dos nosos sectores produtivos”.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG