Despois do intento de criminalización do feminismo ourensán e do BNG e as difamacións verquidas por Ana Mourenza e Jesús Vázquez o BNG quere recordar que “o PP segue sen enterarse, o ano pasado dicía que convocaba un grupo político con nexos con países onde se leva burka e que buscaba o odio entre homes e mulleres e un ano despois segue sen entender que o feminismo galego é autónomo, non o dirixe ninguén” mais “en todo caso en nome do BNG aclaro que estamos orgullosas do traballo que fixo Galegas8M e do que participaron moitas militantes nosas ao longo do país e estamos orgullosas de que Galiza impulsara unha folga 24 horas no laboral, no consumo e nos coidados; o que nos avergonza é ter un goberno local que intenta impedilo programando actividades laborais ese día para lavar a cara”.
Presas recordou que “a violencia machista asasinou unha muller en Valga, penso que o PP no lugar de facer vitimismo e frivolizar debería falar con Feijoo para reclamarlle que destinar 1 de cada 100 euros non é moito e que levante o veto a esa proposta.”
O BNG recalca que “o que lle molesta ao PP é que haxa feminismo autoorganizado que lle recorde que o 8M o PP pon un lazo na lapela pero no día a día construen o mandato antiigualdade, nestes anos deixaron de publicar os Cadernos de Igualdade, asumiron a sobrecarga da Xunta ao CIM con competencias en LGBTI que deberan ter un servizo propio, o programa Agarimos e as Aulas de igualdade entre outros exemplos. Iso si son burlas e ataques ás mulleres”
Para Presas “é incrible que quen vén de delegar a xestión da casa de acollida ás agochadas porque nin lles interesa nin son quen de atendela teña máis que dicir. Esas son as políticas de demolición que contestaron as rúas en Ourense”