A parlamentaria cualificou de estafa a comparecencia do director xeral de Asistencia sanitaria, Arias Rico, despois de que o PP anunciara que comparecería a titular de Sanidade para explicar o peche de camas hospitalarias nos meses de verán
A deputada do BNG, Montse Prado cualificou hoxe de estafa a comparecencia do director xeral de Asistencia sanitaria, Ares Rico para informar das reorganización hospitalaria en período estival cando foi anunciado polo PP que sería a propia conselleira a que explicaría en sede parlamentar o peche de camas hospitalarias no período estival.
O PP segue incrementando o número de camas pechadas nos meses de verán
A parlamentaria lembrou que no ano 2014 o anuncio de peche de camas nos hospitais foi non mes de abril, sen embargo este ano, a pesar de ter anunciado o Partido popular a comparecencia da conselleira de Sanidade no mes de xuño, resolve enviar ao Parlamento a un director Xeral para comparecer en comisión. Isto, dixo, é unha burla aos grupos parlamentarios da oposición que, de maneira reiterada, demandan información que sistematicamente é negada.Montse Prado expresou a súa crítica ante as trabas do Partido popular para impedir o traballo dos grupos na Cámara galega.
Na súa intervención, a deputada rexeitou o peche de camas nos hospitais e recalcou que cada ano que pasa, o número é incrementado, no ano 2010 foron 588, no 2014, 1.200 camas e neste ano a cifra é similar.
O PP xustifica o peche de camas coas vacacións do persoal
Para a deputada, o director xeral tentou dar un verniz de normalidade ao peche de camas cando en realidade é escandaloso. Non se pode xustificar esta medida, dixo, en función das vacacións do persoal. O que vostede non quere dicir, ao igual que a conselleira, é que existe persoal dabondo nas listas de contratación para cubrir as prazas. A parlamentaria criticou que Ares Rico afirmara que as substitucións serán garantía da calidade e seguridade asistencial e replicou que en Atención primaria multiplicase o número de doentes, o persoal muda de servizo continuamente e mesmo dun centro para outro, as plantillas son reducidas drasticamente e a iso, preguntou, chámalle vostede calidade asistencial?. Eu dígollo que non igual que os profesionais que se están a mobilizar un día si e outro tamén contra esta medida.
Non poden seguir xustificando que a redución de persoal e peche de camas obedece a vacacións pactadas coas comisións de centro. Vostedes ocultan que esas vacacións quedan sen substituír e que non se cobren quendas dos profesionais.
Neste momento, explicou a deputada, hai 7.000 enfermeiros e enfermeiras nas listas de contratación dos SERGAS, hai máis de 5.000 celadores e celadoras, e así co resto das categorías polo que preguntou cántos van de vacacións e cántos serán contratad@s para cubrir esas vacantes?.
A realidade é que vostedes pechan un número indecente de camas e detrás dese peche está a intención do PP de desmantelar a Sanidade Pública en Galiza. Máis camas pechadas, aumento das listas de espera e desviación de doentes á sanidade privada, esa é a pretensión do PP para acabar coa Sanidade pública do noso país, concluíu.