Prado critica as contas de Traballo por incidir na política compulsiva de recortes

A deputada do G.P do BNG advirte de que con estas políticas se está abocando a Galiza a ser un país envellecido e empobrecido

A deputada do G.P do BNG, Montse Prado, asegurou que os orzamentos da Consellería de Traballo e Benestar son os orzamentos da “claudicación” e da “renuncia” ante unhas políticas que só trouxeron consigo “máis paro” e “máis pobreza”.

Montse Prado reiterou que por máis que o goberno tente repetir cen veces a mentira de que estes son os orzamentos máis sociais non vai conseguir que se converta nunha verdade e o que realmente agachan as cifras é o modelo ideolóxico do PP.

“O modelo dunha política compulsiva de recortes, de perda de dereitos dos traballadores, de rebaixas salariais e de empobrecemento masivo da poboación”.

A deputada nacionalista denunciou que os actuais dados do paro son insostíbeis, con máis de 270.000 persoas sen emprego ao remate do pasado ano, cunha das taxas de ocupación máis baixas, máis de 40.000 empregos destruidos o pasado ano e a sangría da emigración, que non computa no paro rexistrado.

Para a parlamentar, estes dados constatan o fracaso da reforma laboral e dunhas medidas que só conducen ao abismo, mais nin así se albisca vontade de rectificación senón todo o contrario, autocomplacencia e autobombo.

Prado cualificou de desvergoña e de tomadura de pelo que con estes dados as partidas para políticas de emprego sexan precisamente as que máis se rebaixan, até un 40 por cento, mesmo cando se recoñece que o paro se vai incrementar até o 21 por cento.

A deputada nacionalista afirmou que non é de recibo que neste contexto a conselleira de Traballo aínda non acudira ao Parlamento a comparecer, como reclamou o BNG, e presente unha Rede Galega de Orientadores cando está despedindo a máis de 100 orientadores laborais.

Mocidade

Asemade, advertiu sobre os riscos de que Galiza acabe sendo unha poboación avellentada e empobrecida, “e aos dados demográficos e de incremento galopante da pobreza me remito”, por iso restou importancia ao incremento da partida do Risga, “pois ese aumento é sinónimo dun dramático incremento da pobreza.

Prado non quixo rematar a súa intervención sen denunciar a política de mocidade da consellería, o seu anuncio dun Programa de Movilidade Europeo que o único que vai facer, dixo, é animar á xente a marchar, nun País no que só o pasado ano emigraron 25.472 persoas.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG