No debate da proposición non de lei defendida polo deputado do BNG, Luís Bará sobre as accións que debe emprender a Xunta ante o Goberno central para rebaixar o prezo das peaxes nas autoestradas AP-9 e AP-53, o deputado afirmou que “a transferencia da AP-9 quedará en dique seco ante o anuncio de eleccións no Estado.”
Na defensa da iniciativa, Bará reclamou unha rebaixa xeral, de cando menos o 30 % e gratuidade en horario nocturno nas autoestradas de titularidade estatal AP9 e AP53, “como un paso adiante no camiño cara á supresión das abusivas peaxes”.
O parlamentario lembrou que o propio vicepresidente Rueda anunciou o compromiso para reclamar ás peaxes afirmando que “apertaría as torcas” para forzar a rebaixa pero a día de hoxe, ironizou Bará, “continuamos agardando polas torcas e a chave inglesa”.
O elevado prezo das peaxes da autoestrada AP-9 entre Ferrol-Coruña e Tui, explicou o nacionalista, constitúe un grave atranco para o desenvolvemento económico e social de Galiza xa que dificulta a “conectividade, a mobilidade e a competitividade”, e con graves prexuízos para persoas e empresas, sobre todo vinculadas ao sector do transporte. “O feito de que sexa máis caro viaxar desde Coruña a Vigo que de Coruña a Madrid, evidencia a discriminación e agravio que supón a actual situación da autoestrada”.
As decisións políticas adoptadas pola Xunta e Goberno central nas últimas décadas redundaron en beneficios millonarios para a concesionaria, en abusos para as persoas usuarias e en estafa para o conxunto de Galiza. O acontecido coas obras de ampliación da capacidade da ponte de Rande, con continuos atascos e retencións, foi o punto culminante dun “auténtico atraco” que provocou grande indignación e mesmo unha demanda colectiva da fiscalía de Pontevedra contra a concesionaria.
O abusivo incremento das peaxes na AP 9 ao longo de 2018 e no comezo de 2019 aínda veu a agravar máis a situación. E está a ter como consecuencia o incremento do tráfico en estradas convencionais paralelas á autoestrada, sobre todo vehículos pesados con itinerarios alternativos para evitar as peaxes o que provoca graves consecuencias para a seguridade viaria e para a calidade de vida das persoas que viven na contorna das estradas.
Recentemente, lembrou o deputado do BNG, o goberno central aplicou “rebaixas do 30% e gratuidade nocturna ás autoestradas arruinadas e rescatadas polo Estado”, como as radiais madrileñas. O BNG reclama que “se adopten medidas similares no caso das autoestradas galegas de titularidade estatal, como un paso no camiño cara á supresión das abusivas peaxes”.
Tras a intervención do portavoz popular, Martín Fernández Prado na que anunciou o voto en contra á proposta nacionalista, o deputado do BNG reiterou que a reclamación para rebaixar as abusivas peaxes non exclúe as bonificacións que xa existen noutras autoestradas para determinados colectivos e cualificou de “vaselina” a emenda do Partido popular que buscaba “suavizar as subas das peaxes”.