Tras dar a benvida ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e persoas convidadas ao debate da Iniciativa Lexislativa Popular para garantir os dereitos lingüísticos das galegas e galegos no ámbito socioeconómico, a deputada, Olalla Rodil remarcou a importancia da ILP para resolver situacións absolutamente cotiáns como, contactar coa compañía telefónica, presentarse a unha entrevista de traballo, visitar unha escola infantil, asinar unha hipoteca, escriturar a casa, renunciar a unha herdanza nunha notaría, abrir unha conta bancaria, contratar un seguro, mercar un vehículo, consultar a páxina web de IKEA…que na practica resultan “ accións imposíbeis de facer, en galego”.
Para a deputada, son testemuñais as empresas ou compañías, galegas ou foráneas que desenvolven a súa actividade en Galiza , que proporcionan a documentación ou manteñen a relación comercial coa clientela en lingua galega e resulta tan anecdótico o uso do galego no ámbito socioeconómico, que nos sorprende cando acontece porque o que “debería ser normal neste país resulta exótico”.
Esa difícil, por non dicir imposíbel tarefa de recibir unha atención oral e escrita en galego, provoca situacións de continua vulnerabilidade e indefensión para as usuarias ou consumidoras que pretenden “asinar o contrato de aluguer en galego ou recibir o xustificante de pagamento dunha multa na lingua propia do país”.
Desde o BNG imos apoiar a toma en consideración desta iniciativa, e contribuímos coas nosas sinaturas a que chegase até aquí, xunto con outras 28 mil persoas. O articulado da ILP dá amparo legal a algunha das medidas recollidas no Plan de dinamización da lingua galega no tecido socioeconómico que aprobou a Xunta de Galiza en 2016 e desenvolve a normativa vixente a respecto da protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, Lei 2/2012, na que se recoñece o dereito á atención oral e escrita en galego. Por outra banda, Galiza é o único territorio do Estado con lingua de seu e recoñecemento de nacionalidade histórica que non conta con instrumentos legais que protexan os dereitos lingüísticos da poboación galegofalante como consumidora e usuaria.
EUSKADI E CATALUNYA CONTAN CON LEXISLACIÓN
A nacionalista fixo fincapé no recoñecemento do galego na Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (1996) e na Carta europea de linguas minorizadas (2001) ao que sumou a obriga da Xunta de Galiza, dende o ano 1983, de “fomentar a normalización do uso do galego nas actividades mercantís”. Euskadi, explicou Rodil, aprobou en 2003 o Estatuto das persoas consumidoras e usuarias para acceder en euskera á información sobre bens e servizos. Igual acontece desde a aprobación da Lei do Código de Consumo de Catalunya en 2010. Por certo, lei “recorrida polo Estado español ante o Tribunal Constitucional con sentenza favorábel á Generalitat en 2017. “Di moito do Estado no que vivimos que un Goberno recorra por inconstitucionalidade o dereito dos cidadáns a ser informados na súa lingua, a recibir documentación na súa lingua ou a asinar contratos nela”, apostilou.
O PP VOLVE A REXEITAR O CONSENSO LINGÜÍSTICO E VETA A VOZ DE 28.000 PERSOAS
A parlamentaria do BNG lamentou que o voto en contra do PP impedira a tramitación dun texto legal que permitiría avanzar na garantía dos dereitos lingüísticos e deixar atrás a discriminación e trato desigual das persoas galegofalantes.
“O PP mantén a súa oposición á lingua galega cunha política contraria á súa plena normalización no ámbito socioeconómico como xa fixo no ensino coa aprobación do decretazo no ano 2010. Hoxe o PP tiña a oportunidade de recuperar o consenso lingüístico mais ficou claro que cada vez está máis lonxe del”.
Co seu rexeitamento á toma en consideración da ILP, “o rodillo do Partido Popular veta a voz das máis de 28 mil persoas que dando apoio á iniciativa demandaban a súa tramitación na Cámara”, concluíu Rodil.