A deputada do BNG, Rosana Pérez defendeu, a través dunha proposición non de lei, “declarar o 1 de decembro, Día da Dignidade de Galiza” para lembrar a manifestación en Santiago de Compostela contra a catástrofe do Prestige.
Ao igual que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón fixera onte na Praza do Obradoiro reclamou “unha rectificación” do Partido popular e o recoñecemento da dignidade do pobo galego aínda que sexa con vinte anos de retraso. A parlamentaria nacionalista lembrou que aquel día o pobo galego encheu de paraugas negros a capital galega para denunciar “a discriminación, manipulación e desleixo do Goberno do Estado e a Xunta” ante a maior catástrofe medioambiental nas costas galegas.
Dende o BNG, dixo Rosana Pérez, queremos que esta data sexa “oficialmente recoñecida como o día da dignidade do pobo galego” e queremos que o 1 de decembro forme parte da nosa historia e do recoñecemento dun pobo digno que non se rende ante as dificultades.
Tras destacar os logros desa mobilización social, como aumentar a seguridade no litoral, a deputada do BNG asegurou que é preciso seguir avanzando no salvamento marítimo e sobre todo que sexa de carácter público. Por outra banda, volveu a reclamar o tratamento das 10.000 toneladas de residuos da catástrofe do Prestige.
Un accidente convertido nunha grande catástrofe ambiental
Pola súa parte, o portavoz popular, Alberto Pazos Couñago amosou o seu desacordo coa proposta do BNG ao que a deputada replicou que hoxe o Partido popular vetando a proposta perdeu unha grande oportunidade de recoñecer os seus erros e asumir que a súa incompetencia converteu un “accidente nunha grande catástrofe ambiental”.
A parlamentaria insistiu en que o accidente do Prestige “non era o primeiro fronte as nosas costas pero o peor xestionado polos responsables políticos naquela altura” por cento, lembrou, todos do Partido popular. Ninguén ten hoxe ningunha dúbida diso e vostedes veñen de ratificar, co seu absoluto silencio, o incómodo que lles resulta aínda falar do Prestige e das súas consecuencias cando, no seu 20 aniversario, non foron quen nin de mentalo, salientou.
Rosana Pérez reiterou que o Partido popular, equivócase como fixeron daquela, se pensa que con gardar silencio van borrar da memoria colectiva aquel accidente, a “ignominiosa actuación dos dirixentes políticos e a heroica resposta do pobo galego” porque a memoria non se borra co silencio, nin coa mentira, nin coa manipulación, vostedes deberían sabelo mellor que ninguén, e “Nunca Máis converteuse nun dos movementos sociais, culturais e de loita e reivindicación máis importantes da nosa historia porque foi o berro de dignidade de todo un país que non quixo, nin quere, esquecer”.
A parlamentaria do BNG lembrou que resulta imposible borrar os seis días interminábeis dende o 13 ao 19 de novembro, no que quixeron mandar o barco ao “quinto pino” e acabaron enchendo máis de 1.000 praias con 63.000 toneladas de “pequeños hilillos de plastilina”.
Tampouco se borra facilmente que despois de 20 anos sigamos sen ter o control dos 1.500 Km. de costa do noso país porque o propio Goberno galego desbotou, e sigue a desbotando solicitar as transferencias en salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña e que os helicópteros de Ruibo sigan sen ter operatividade, o porto de Brens siga sen a construción e dotación para unha base de contaminación mariña porque o Partido Popular vota sistematicamente en contra.
A manifestación de Compostela, aquel 1 de decembro foi a demanda colectiva de medios, de solucións, de responsabilidades e de verdade. Foi o reflexo máis nidio de moitos sentimentos mesturados nos que miles de galegos e galegas deron unha auténtica lección de dignidade e converténdose en exemplo para todo o mundo.
Por iso entendemos que aquela resposta do pobo galego merece un recoñecemento público, un recoñecemento neste Parlamento e por iso propoñemos que “o 1 de decembro sexa declarado Día da Dignidade de Galiza” pero unha vez máis, o Partido popular prefire gardar silencio”, concluíu.