Parlamento Galego

PP vota en contra da proposta do BNG para evitar o peche do Pazo de Montesacro de Cambados

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado criticou que o PP prefire destinar 250 millóns de euros para contaminar a ría con Altri e non para evitar que os maiores sexan enviados a residencias lonxe do seu entorno e dos seus familiares

É unha oportunidade para que pase a ser de titularidade pública tanto polo seu valor patrimonial como para seguir prestando atención residencial

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Montse Prado, presentou na Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego, unha Proposición Non de Lei para insta á Xunta de Galiza a mercar o Pazo de Montesacro, “O Asilo” , situado no concello de Cambados, para que pase a propiedade pública e siga mantendo a actividade de residencia, “evitando que as persoas que alí viven sexan enviadas a residencias lonxe do seu entorno e dos seus familiares” salientou.

Montse Prado criticou que o Partido Popular “nin se preocupa nin fixo absolutamente nada para adquirilo” para asegurar o benestar e o futuro destas persoas e as súas familias.  A preocupación estendeuse pola veciñanza de Cambados ao saber ás familias, hai un días, o peche inminente, “e polo tanto que as 53 persoas que alí viven teñen que buscar outra residencia, ademais dun ERE extintivo para as 29 persoas que teñen alí o seu posto de traballo” dente centro de maiores.

A deputada nacionalista considera inadmisíbel que diante desta información a conselleira de Política Social se limite a dicir que estará vixiante de que se reubiquen as persoas maiores. “Os nosos maiores non son mercadoría a recolocar, despois dunha vida de traballo teñen dereito a unha vellez digna, preto da súa familia e no seu entorno” salientou Prado durante a súa intervención na que denunciou que se destinen máis de 250 millóns de euros para contaminar a ría con Altri, “unha ruína para a ría de Arousa e toda a comarca da Ulloa, e non se destinen 3 millóns para mercar o pazo do asilo” para patrimonio público e manter as prazas de residencia convertidas en públicas.

Na mesma liña, Prado criticou que a Xunta está a drenar “inxentes cantidades de diñeiro público cara empresas privadas relacionadas coa dependencia”, con empresas especialmente beneficiadas como Domus VI. Nos orzamentos para o ano 2025, a Xunta vai destinar 190 millóns de euros a empresas privadas para concertos, prazas privadas, bonos, etc. polo que se constata que hai recursos para mercar o Pazo de Montesacro.

O BNG sempre defendeu que a venda do Pazo de Montesacro é unha oportunidade para que a Administración o adquira e o mesmo pase a ser de titularidade pública tanto polo seu valor patrimonial como para seguir prestando atención residencial a maiores.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG