A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu hoxe na Comisión do Pacto de Toledo unha proposición non de lei do BNG que pedía a anulación, con carácter retroactivo, de todos os expedientes sancionadores aplicados por Facenda a emigrantes retornados con pensións estranxeiros.
Davila demandaba tamén que se analizase a normativa existente sobre tributación de pensións que se perciben doutros países, que es estude cada un dos Convenios subscritos polo estado español con outros países a fin de evitar a dupla imposición.
Máis, a pesar de tratarse dunha solicitude xusta, en palabras de Davila, o PP votou en contra da proposición do BNG, unha iniciativa que recibiu o apoio de todos os grupos da oposición. Davila non aceitou a emenda presentada polo grupo popular porque se limitaba a propór campañas de información e divulgación entre os emigrantes retornados e non incluía a anulación das sancións.
Na súa intervención, a deputada do BNG aludiu ao precedente asentado por Facenda cando o pasado mes de decembro anulou a sanción a un dos afectados. Trátase dunha resolución do Tribunal Económico Administrativo Rexional ante o recurso presentado por un emigrante retornado de Ourense. Asemade mencionou sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que deron a razón a afectados.
Unha inxusta
Davila afirmou que é unha inxustiza porque Facenda trata como defraudadores a un colectivo moi numeroso de emigrantes retornados aos que en Consulados e outras Administracións se lles informou de que non tiñan obriga de tributar polas súas pensións do estranxeiro. A deputada do BNG salientou a veracidade dos argumentos esgrimidos polos afectados porque todos coinciden en alegar o mesmo, e estamos a falar de miles de emigrantes que nen siquera se coñecen entre sí.
Está claro que dan unha información veraz e certa e ante isto Facenda en lugar de informar aos afectados, se salta ese paso e directamente lles envío sancións, multas e lles aplica intereses demora. Davila considerou que non é xusto que un colectivo que tivo que emigrar, que pasou penurias traballando fóra, que se atope á súa volta que nen siquera no retiro poden descansar e vivir con tranquilidade porque a Axencia Tributaria os persegue por algo que descoñecían.
Neste sentido, lamentou que teñamos que ver nas rúas a emigrantes pensionistas reclamando xustiza á Axencia Tributaria para que lles retire as sancións. Salientou a alta emigración que padeceu Galiza, un fenómeno que voltamos a sofrer actualmente.
Finalmente, e sen éxito, Davila apelou á comprensión e sensibilidade do PP e atenda estas demandas. Do contrario, opinou, estaremos ante un Goberno que é moi intolerante cun colectivo débil de persoas, pero que é moi xeneroso cos grandes defraudadores. Lembrou a Amnistía Fiscal que beneficiou a grandes defraudadores como se puido comprobar nos casos de corrupción como a trama Gürtel ou Bárcenas.