O deputado do BNG por Ourense, Iago Tabarés propuxo a creación de novos xulgados do Penal, Familia e Violencia de xénero para evitar o “colapso xudicial” nestas unidades na planta xudicial de Ourense e o partido popular votou en contra da proposta nacionalista.
O parlamentario do BNG lamentou que o Partido popular manteña unha postura no concello de Ourense e a contraria no Parlamento galego e mostrou a súa disposición a chegar a un acordo para que a Xunta de Galiza solicite a creación e dotación das novas entidades xudiciais, acordo que finalmente o Partido popular non secundou.
Na defensa da proposta, Tabarés insistiu na necesidade de “ mellorar o funcionamento da administración de xustiza” sobre ás custodias de fillos, capacidade das persoas, impunidade na comisión de delitos ou a atención ás mulleres no momento que deciden denunciar unha situación de violencia.
Este servizo elemental, remarcou, non conta cos recursos necesarios para prestalo en boas condicións e neste sentido, destacou a “grande dedicación e compromiso das traballadoras” para suplir as actuais carencias.
Por outra parte, pediu un pronunciamento do Parlamento galego para “un reequilibrio territorial” que impida a eliminación de servizos xudiciais no rural, porque a intención do centralismo estatal, explicou, “vai nesa dirección” cunha reforma lexislativa que introduce a posibilidade da desaparición de xulgados en vilas e que os Xulgados de Instancia estendan a súa xurisdición a máis dun partido xudicial representando un grave prexuízo para a cidadanía.
Descoñecemos, dixo o nacionalista, “se a Xunta de Galiza trasladou algunha proposta ao goberno do Estado” e por esta razón, dende o BNG solicitamos “un pronunciamento do Parlamento galego” sobre as necesidades de incremento xudicial na demarcación da audiencia provincial de Ourense e sen prexuízo das unidades de: Viveiro, Carballo, Ribeira, Vilagarcía ou Sarria, así como para os xulgados de violencia de Lugo e Santiago, Familia de Santiago ...” pois, infelizmente, as carencias da planta galega son moitas e moito importantes”.
Proposta do BNG para mellorar a xustiza en Ourense
O deputado recalcou que a planta xudicial de Ourense mostra moitas deficiencias e sobrecarga de traballo polo que urxiu á creación dun xulgado do penal, un xulgado de primeira instancia para a súa posterior especialización en familia, internamentos e medidas de apoio á discapacidade e un xulgado de violencia sobre a muller.
Tabarés sinalou que “a Xunta non ten competencia para crear, pero ten capacidade para condicionar”, e se a día de hoxe Ourense non consta cun xulgado de violencia sobre a muller con competencias exclusiva e excluíntes é por que a xunta de Galiza non quere, denuncio.
A necesidade desta unidade xudicial foi recoñecida polo pleno do concello de Ourense “grupo municipal do PP incluído” , a xuíza do xulgado de instrución número 3 de Ourense, o fiscal especializado en violencia de xénero e o actual presidente da audiencia provincial de Ourense.
Nos tres primeiros trimestres de 2022, explicou Iago Tabarés, no xulgado de instrución núm 3 entraron 800 asuntos de violencia sobre a muller, case un 50% máis que en idéntico período do ano anterior, así como a instrución de asuntos complexos como tráfico de drogas ou a operación Pokemon.
Por outra banda, o abandono e infradotación do IMELGA , por parte da Xunta, non contribúe a aliviar a situación do xulgado.
En termos similares, engadiu o deputado do BNG, se atopan os xulgados do penal que tras a eliminación do reforzo dispararon as demora nos sinalamentos e unha importante rebaixa de condenas, “porque non dotar de medios á xustiza penal provoca excarceracións e reducións de condenas”, concluíu.