Ana Pontón amosou a súa protesta pola exclusión dunha Proposición non de lei na Comisión de Ordenación do Territorio sobre o proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada LU-641 no tramo Castrocán-Santa María do Mao-Incio
A deputada do BNG, Ana Pontón amosou hoxe a súa protesta na Comisión de Ordenación Territorial pola exclusión dunha Proposición non de lei presentada por este grupo parlamentario sobre o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada LU-641 no tramo de Castrocán-Santa María do Mao-Incio.
O presidente da Mesa da comisión 2ª, Santiago Freire argumentou que as ordes do día das comisións son responsabilidade da Mesa que entendeu que non podía incluír esa iniciativa ao ser a comisión de control e non de impulso polo que será introducida noutra comisión.
A deputada respondeu que o grupo parlamentario do BNG emprenderá accións contra a vulneración do artigo que garante a igualdade de trato de todos os grupos. Hoxe aquí, dixo, estase consagrando unha desigualdade porque os grupos presentes terán a posibilidade de debater dúas iniciativas, agás o BNG que só ten unha.
A Mesa do Comisión, engadiu, non é un ser absoluto tomando decisións á marxe das normas recoñecidas, e vostede acaba de recoñecer tamén que existen antecedentes de que outros grupos puideron formular Proposicións non de lei en sesións de control.
O PP veta iniciativas do BNG
Ante o veto do PP a incluír a iniciativa nacionalista na comisión, a deputada anunciou que o BNG reservase o dereito de recorrer ante o Tribunal Constitucional por entender que se está a vulnerar o dereito a que as iniciativas do BNG poidan ser debatidas a pesar de cumprir todos os trámites parlamentarios.
A nacionalista solicitou a votación para cambiar a orde do día e incluír a mencionada iniciativa, solicitude que contou co apoio do grupos Mixto e Age, a abstención do PSdeG e o rexeitamento do grupo maioritario do Partido popular.