A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu unha proposición non de lei para poñer en marcha medidas contra o risco de pobreza e exclusión social das mulleres ante o datos publicados polo último informe do Estado da pobreza en Galiza, no ano 2021 elaborado pola EAPN que evidencian “un maior empobrecemento das mulleres e dos fogares monoparentais en Galiza”.
A parlamentaria explicou que o risco de pobreza e exclusión para o conxunto da poboación é do 25%, “680.000 persoas”. No caso dos fogares con menores de 18 ano, esta cifra sube ao 34% e nos fogares monoparentais, “a inmensa parte deles encabezados por mulleres”, a cifra é maior, o 54%.
Por outra parte, os datos da Rede galega contra a pobreza advirten que “o risco de pobreza descende entre os homes mentres aumenta entre as mulleres afectando a 8.000 mil máis que no 2020”.
Para a nacionalista, esta realidade non é casual, é produto dunha situación de discriminación e dun feito material, medible e cuantificable. “As mulleres soportamos máis paro, máis temporalidade e máis parcialidade que os homes” con contratos a tempo parcial cun 77% asinados en Galiza por mulleres. As mulleres contratadas a tempo parcial non poden acceder a outro tipo de contratos por estar suxeitas ao coidado de crianzas ou persoas dependentes. Nesta situación atopase “o 14,6% fronte ao 0,3% dos homes”.
A pesar de que os indicadores melloraron algo nos últimos dez anos, explicou Rodil, a fenda entre xéneros incide de maneira primordial nas taxas de pobreza e exclusión social que afectan maioritariamente ás mulleres.
“Peores condicións laborais traen peores condicións salariais e sociais e peores condicións de traballo supoñen menos salario e peores pensións”, recalcou a deputada.
A fenda salarial en Galiza supón unha diferencia de case máis de 4 mil euros. “As mulleres cobran 4 mil euros menos que os homes e tamén perciben pensións dun 25,7% máis baixas”.
Dende o BNG dixo, propoñemos introducir a perspectiva de xénero tanto no deseño das axudas como na análise dos datos, restituír a Tarxeta Básica para garantir a compra de alimentos e produtos de primeira necesidade suprimida pola Xunta de Galiza en plena crise económica, reformar a lei de Inclusión social para regular as axudas que sirvan de ponte con outras prestacións, “un abono familiar” para as nenas e nenos galegos, e de maneira especial dirixido ás familias monoparentais. Neste punto, criticou ao Partido popular por non cumprir coas súas promesas sobre o Decreto de familias monoparentais e o Plan de loita contra a pobreza nestas familias, “despois de 10 anos e moitos anuncios en boca de diferentes conselleiros e conselleiras de política social, agora utilizan como escusa a tramitación da Lei de familias estatal para seguir incumprindo coas súas obrigas”, afirmou.
Publiquen o Rexistro das familias monoparentais e abran un proceso de diálogo coas entidades sociais para elaborar un plan de medidas contra a pobreza nas familias monoparentais e axudas para combater a pobreza infantil en moitos fogares.
O portavoz popular, Noelia Pérez López amosou o seu desacordo coas medidas propostas polo BNG para reducir o empobrecemento das mulleres e das familias monoparentais.
Rodil recalcou que á diferencia da redución nas taxas de pobreza masculina no caso das mulleres, por moito que tente negalo o Partido popular “aumentan”, e pediu un cambio nas políticas laborais e sociais da Xunta para mudar esta realidade. A deputada lamentou que a parlamentaria do PP anunciara o voto en contra ás propostas do BNG.