Ana Pontón denunciou este mediodía un novo atranco do PP á creazón da comisión de investigación das Caixas, ao negarse a incluila na orde do día do pleno extraordinario que se celebará a próxima semana, tal e como demandou a formación nacionalista en Xunta de Portavoces.
A deputada explicou que este novo intento do PP de demorar no tempo a creazón da comisión evidencia que o anuncio feito por Feijóo na pasada sesión de control, logo de ter votado en contra o día anterior, foi un lavado de cara e unha fuxida cara adiante forzada pola situación xerada coa querela da Fiscalía e a sucesión de dimisións dos ex directivos.
A voceira parlamentar, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, asegurou que non hai razóns obxectivas que poidan xustificar máis retrasos, hai que comezar a investigar xa, e así nolo está reclamando unha sociedade que ve con indignación como día a día medran os escándalos sobre a xestión das caixas.
Empezar a traballar xa
Para a deputada nacionalista, non é de recibo que mentres a Fiscalía investiga o Parlamento fique de brazos cruzados, por iso reclamou que se habiliten os meses de Xullo e Agosto para poder desenvolver os traballos da comisión de forma urxente.
O novo veto do PP evidencia que o anuncio feito por Feijóo na pasada sesión de control foi un lavado de cara e unha fuxida cara adiante forzada pola presión
O PP non pode seguir teimando no argumento da recapitalización de NCG para xustificar máis demoras na investigación, pois como xa dixemos en numerosas ocasións non interfire para nada, é só unha disculpa que demostra que o goberno non ten presa nin interese en ir ao fondo da cuestión.
A parlamentar lembrou que se trata de investigar en dúas direccións: a xestión propiamente dita e depurar tamén as responsabilidades políticas e administrativas de quen tiñan a responsabilidade de tutelar as caixas; insistir en retrasar estes traballos só pode entenderse dende a postura de ter moito que agachar.
Novo veto ás ILP de sanidade e educación
Por outra parte, a voceira do grupo nacionalista lamentou que, de novo, o PP vaia impedir o debate das iniciativas lexislativas populares de Preescolar na Casa e SOS Sanidade Pública, demostrando así o seu desprezo a unha das escasas vías de participación directa que teñen os cidadáns nas institucións.
Estamos ante unha nova mostra da deriva autoritaria e antidemocrática do Partido Popular, a quen lle molesta que a sociedade critique as súas políticas, neste caso de recortes en educación e sanidade, e por iso tenta calar as súas voces.
Ana Pontón lembrou que se trata de dúas iniciativas que contan co respaldo de milleiros de persoas, que teñen o dereito a que se lles escoite e a denunciar en sede parlamentar uns recortes inxustos que están xerando moita preocupación na sociedade, pois atacan dous piares básicos do estado de benestar.
Ordes do día plurais
Asemade, a parlamentar criticou a instrumentalización que pretende facer o PP da Cámara durante este mes, ao negarse a aproveitar as posibilidades que dá o regulamento para poder acordar entre os grupos ordes do día plurais, tanto para posíbeis plenos como para comisións.
O PP está facendo ventaxismo político e aproveitando a súa maioría absoluta para introducir só as iniciativas e debates que lle convén, o que racha coa normalidade democrática coa que se debera traballar tamén durante o próximo mes.