O Partido popular votou hoxe en contra da Proposición de lei do BNG para reformar a lexislación procesual en materia de execución hipotecaria.
A deputada e portavoz de vivenda nacionalista, Isabel Sánchez lamentou o voto en contra do PP para a toma en consideración dun texto destinado a aplicar medidas urxentes en materia de execución hipotecaría.
O voto en contra do PP, no primeiro trámite da iniciativa do BNG, tamén imposibilita o seu debate no Congreso.
Alternativas ás Execucións hipotecarias
A parlamentaria indicou que o acceso á vivenda en propiedade en anos de expansión económica e inmobiliaria provocou un sobreendebedamento de moitas familias que na actualidade non poden afrontar os vencementos dos créditos hipotecarios.
Neste sentido, considerou que é necesaria a intervención pública a través de medidas destinadas a paliar, o que cualificou de, verdadeiros dramas por mor dunha crise económica na que, ao seu xuízo, tivo unha grande influencia o propio sistema financeiro.
O voto do PP en Galiza impide o debate en Madrid
A nacionalista asegurou, que a rixidez do marco procesual non admite analizar alternativas diferentes ao pagamento da débeda vencida como a entrega da vivenda como pago da débeda contraída.
Nesta liña, Sánchez defendeu a dación de pago para a cancelación da totalidade da débeda hipotecaria no caso de debedores de boa fe asumindo a entidade financeira a perda de valor do inmoble que taxou cun valor máis alto do real.
Modificar a lei hipotecaria
A Proposición de lei do BNG contempla asemade modificar a Lei de Axuizamento Civil no concernente á execución dineraria en casos de bens especialmente hipotecados ou peñorados.
A proposta nacionalista persegue con esta modificación, dixo a parlamentaria, que o xuíz poda ordenar a execución para as cantidades pendentes no caso de que o produto da poxa dos bens hipotecados fose insuficiente.
Por outra parte, a iniciativa do BNG tamén contempla que se a poxa é inferior ao 80 por cento do ben, o executado poderá presentar no prazo de dez días un terceiro que mellore esta cantidade.
Se no caso de proceder a poxa non existira ningún postor, explicou a deputada, o acredor poderá pedir a adxudicación dos bens por cantidade igual ou superior ao 80 por cento do seu valor de taxación ou pola cantidade debida por todos os conceptos.
A parlamentaria concluíu acusando ao Partido popular de non ter vontade política para resolver os graves problemas económicos que están a padecer as familias que se ven abocadas a deixar as súas vivendas e seguir coas débedas contraídas con entidades financeiras, vostedes non teñen ningún interese para que se discutan alternativas a este problema.