O PP tumba unha inciativa do BNG que pedía retirar a Lei Wert

Cosme Pombo defendeu retirar a Lei orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) que prima o ensino privado, invade competencias galegas e recorta dereitos laborais do profesorado

O portavoz de educación do BNG, Cosme Pombo defendeu hoxe, en comisión parlamentaria, unha Proposición non de Lei que reclamaba do Goberno central a retirada da LOMCE, proposta que contou co apoio do PsdeG e AGE e rexeitada polo Partido popular.

Na súa intervención, o parlamentario do BNG afirmou que a Lei Wert xa coñecida como a “Lei da Wertgoña” pretende “privatizar, desgaleguizar e recentralizar o sistema educativo” e repudiando a forma plurinacional, pluricultural e plurilingüística do Estado español.

O nacionalista indicou que “esta contrarreforma” basease en criterios mercantilistas, elitistas e antisocias conduce ao alumnado ao abandono ou fracaso escolar daqueles que teñen menos recursos.

A Lei potencia os centros de ensino privado

Para o deputado do BNG, a Lei Wert supón legalizar a concertación con centros privados que separan ao alumnado por razón de xénero e rebaixará a capacidade de establecer currículos, polo tanto, “máis discriminación social e un ataque aos principios elementais da educación”, afirmou.

O parlamentario lamentou que o PP rexeitara a iniciativa do BNG e acusou ao Goberno galego de actuar como “delegado do Ministerio” e non como a máxima autoridade para defender e velar polas competencias en materia educativa e garantir para que o alumnado galego remate os estudos en total competencia na lingua galega.

Cosme Pombo afirmou que a nova Lei Wert converte o ensino nunha carreira de obstáculos para o alumnado, “repudia a realidade social, cultura e lingua galega” e pretende crear mediante programas de calidade e especialización curricular diferentes categorías de centros “atendendo con máis recursos os que mellores resultados acaden, previa selección do alumnado” e que corresponderán aos centros privados.

O deputado concluíu asegurando que a comunidade educativa, que mañá secundará a folga e partipará na manifestación, votaría a favor da retirada da “Lei Wertgoña”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG