A proposta do BNG de promover un modelo descentralizado dos fondos europeos, transferindo á Galiza os fondos, así como respectar as competencias propias das CA para que administren os proxectos estratéxicos, foi rexeitada polo Partido Popular no Senado. Neste sentido, a senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia a actitude “dun PP que non defende os intereses dos galegos e galegas” e mesmo vota unha cousa na Galiza e a contraria en Madrid.
“Os fondos deben dedicarse a proxectos que permitan avanzar no desenvolvemento sustentábel e contribuír a corrixir os desequilibrios territoriais e mesmo avanzar na cohesión social e territorial” defende a senadora do BNG. Así mesmo, os fondos deben chegar ás PEMES, ás pequenas e medianas empresas, “un tecido produtivo chave na creación de emprego e na dinamización económica da Galiza”.
Pola contra, o modelo de xestión centralizada “prexudicou a Galiza recibindo moi poucos fondos. Lonxe do que se precisa para dinamizar a economía verde, impulsar o noso tecido produtivo e tratar de emprender o camiño da reindustrialización”.
Alén do máis, da Silva defendeu o respecto das competencias propias das Comunidades Autónomas. “No caso da Galiza, hai que ter presente que temos as competencias en materia de fomento da economía e da industria, onde se concentra o groso dos proxectos que poden aspirar os fondos Next Generation” asevera.
PP oponse ao autogoberno e á xestión directa dos fondos
A emenda presentada polo BNG, que garantía a xestión descentralizada e o respecto das competencias propias de Galiza, foi rexeitada polo senador galego do Partido Popular, José Manuel Barreiro. Unha emenda, lembra da Silva, que o PP si que votou a favor no Parlamento de Galiza a través dun acordo co BNG.
“Mentres o Partido Popular continúa sen defender os intereses dos e das galegas, o BNG está a traballar para que a xestión dos fondos sexa máis áxil, con menos burocracia e con maior participación das Comunidades Autónomas e dos concellos” apunta da Silva en alusión as reunións que mantivo Ana Pontón coas comisarias europeas Elisa Ferreira e Iliana Ivanova.