A deputada Ana Pontón acusou ao Partido popular de non defender a produtividade nin os postos de traballo da factoría de Alcoa e colocarse ao lado das grandes eléctricas
A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe na Comisión de Industria unha Proposición non de lei para manter o emprego e a produción nas plantas de Alcoa e San Cibrao e demandar do Goberno central a modificación do marco regulador da enerxía eléctrica.
Na súa intervención, Pontón sinalou que a factoría da Coruña viu reducida a súa produción nun 30% e un recorte de plantilla nos últimos anos dun 40% e advertiu que de pechar a planta de Alcoa da Coruña tamén periga Alcoa-San Cibrao porque gran parte da produción de alúmina abastece as fabricas de aluminio da Coruña e Avilés. Ademais, engadiu que a factoría de San Cibrao e o sostén económico de toda da comarca da Mariña, representando o 40% do PIB da provincia de Lugo.
Prácticas chantaxistas das multinacionais
A deputada denunciou as prácticas chantaxistas das multinacionais e salientou que Alcoa obtivo un beneficio de 220 millóns de euros no primeiro semestre do ano, os seus maiores beneficios dende 2011, e a pesar de obter beneficios, recalcou non ten ningún reparo en pechar e trasladar a súa produción para seguir engordando a súa conta de resultados e mesmo introducir en Galiza metal fabricado en Arabia Saudí.
A parlamentaria lembrou que no último Debate do Estado da Nación no Parlamento aprobouse por unanimidade demandar de ALCOA o compromiso de manter a actividade produtiva e a totalidade dos postos de traballo así como un sistema de prezos que favorezan a continuidade das empresas grandes consumidoras de enerxía eléctrica, pero constatamos, dixo, que non se fixo nada ao respecto e que a situación vai a peor despois de coñecer o borrador do Ministerio que regula as peaxes para 2016 e que pode duplicar o termo de potencia que pagan os grandes consumidores eléctricos polo subministro, circunstancia que afecta a ALCOA pero tamén a empresas como MEGASA,CELSA ou FEROLATLÁNTICA. A deputada afirmou que o modelo do Estado español penaliza a actividade industrial cando a aposta pola industria debería ser un obxectivo estratéxico para o Goberno.
En Alemaña ou Francia, explicou, para abaratar a electricidade e que as industrias sexan competitivas, desagregan do Mix Eléctrico as distintas fontes de xeración e pagan polo custe real, no Estado español poderíase facer coa enerxía hidroeléctrica pero prefire fixar o prezo pola fonte de xeración máis cara que entra no Poll, todo para engordar as eléctricas. Unha política, que ademais impide que Galiza poda extraer beneficio da súa condición de grande produtora de electricidade pero o goberno español xustifícao apelando á unidade de mercado.
Galiza carga cos custes da electricidade e non obtén beneficios
Para a deputada, Galiza apanda cos custes sociais e medio ambientais da produción da electricidade mentres os beneficios das compañías emigran nisto consiste, dixo o espolio enerxético de Galiza.
Pontón concluíu a súa intervención afirmando que garantir o mantemento do emprego e da produción nas plantas de Alcoa da Coruña e San Cibrao é posible, só fai falla vontade política, concluíu.
A iniciativa defendida pola deputada do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.