Ante a grave situación xerada no concello de Lalín e na comarca do Deza polas deficiencias do servizo de emerxencias, o parlamentario do BNG, Luís Bará pediu hoxe o apoio de todas as forzas representadas ca casa do Hórreo para chegar a un acordo co fin de reclamarlle á Xunta unha ambulancia medicalizada para dar unha rápida resposta ás urxencias. Os votos en contra do Partido popular impediron que a proposta do BNG prosperara.
Tras a intervención do portavoz do Partido Popular, o deputado do BNG afirmou que Aurelio Núñez Centeno non foi capaz de desmentir ningunha das acusación do BNG sobre as deficiencias do servizos de emerxencias de Atención primaria e urxencias en Lalín e na comarca do Deza. Sabemos, dixo, que cando se producen urxencias os médicos deben atendelas pero debe atender as urxencias un celador? É este o modelo sanitario que ten o Partido popular? Preguntou.
O parlamentario afirmou que si un celador se ve obrigado a atender a doentes porque os dous médicos están fora do centro con outras urxencias é necesario incrementar o número de facultativos, sobre todo nunha comarca cunha situación particular e graves carencias “na atención ás emerxencias”.
Bará recriminou ao Partido popular o continúo “boicot” á comarca do Deza por “intereses partidistas” paralizando mesmo un proxecto de mellora sanitaria no concello de Lalín porque cambiou o goberno e a pesar de ter asignado un orzamento e os terreos para o novo centro.
O parlamentario recalcou que o BNG non pide agora este recurso tras producirse un falecemento, “xa o pedimos no mes de xullo” e esta demanda contaba cun acordo unánime do concello de Lalín. “Os demagogos”, afirmou, son vostedes por votar a favor dunha iniciativa para poñer en marcha unha ambulancia medicalizada e agora pronunciarse en contra porque o “PP de Lalín xa deu o recado de que neste momento non convén”.
O nacionalista propuxo un acordo para demandarlle á Xunta “unha ambulancia de soporte vital para Lalín e a súa comarca” e non un “vehículo de apoio”, tendo en conta que a ambulancia de Lalín atende emerxencias nunha área de 580km2, con moita dispersión xeográfica e tempos de resposta moi superiores ao recomendable.
Ademais, engadiu Bará, Lalín é a cabeceira dunha ampla comarca que supera os 45.000 habitantes, unha cifra máis que considerable para uns servizos sanitarios totalmente deficientes en todos os aspectos, tanto no servizo de gardas médicas como en urxencias, así como en especialidades e traslados de emerxencia. Concretamente, no referente aos traslados en ambulancia de enfermos graves e accidentados, e especialmente politraumatizados ou persoas que sufriron un infarto, “non se entende porque Lalín dispón unicamente dunha ambulancia”.
O deputado do BNG lamentou que o PP, unha vez máis, non dea resposta ás demandas dos veciños e veciñas de Lalín e a comarca do DEZA a unha reclamación xusta e necesaria para unha atención sanitaria de calidade