A deputada do BNG, Montse Prado denunciou a grave situación do pequeno comercio galego e retou ao PP a defendelo para dinamizar a economía galega
Pleno-. O PP votou hoxe en contra da toma en consideración da Proposición de Lei defendida pola deputada do BNG, Montse Prado para establecer un imposto ás grandes superficies comerciais.
A nacionalista asegurou que o sector do comercio galego merece ser conservado como opción estratéxica polo seu valor no emprego e peso no PIB e a proliferación de grandes superficies comerciais, representa a ausencia de produtos galegos e unha menor comercialización dos mesmos provocando un grave prexuizo para o pequeno comercio.
Neste sentido, defendeu a aplicación do imposto progresivo a grandes superficies a partir de 2.500 metros cadrados, co fin de que pague máis o que máis metros teña.
No BNG, afirmou, cremos que este imposto é xusto porque a carga impositiva dos Gobernos do Estado, carga a presión fiscal sobre o consumo e ademais, engadiu, o IVE resulta igual para o que gaña tres que e o que gaña trinta mil, unha presión fiscal sobre as rendas de traballo que non se exerce sobre os beneficios das empresas, criticou.
As grandes superficies desprazan o comercio local e provocan desigualdades entre as persoas
As grandes superficies comercias, manifestou, provocan o desprazamento masivo de vehículos e da poboación para abastecerse xerando desigualdades ante ofertas comerciais ás que a poboación avellentada, persoas con falta de mobilidade, dependentes ou sen vehículo propio non poden acceder.
A implantación destas superficies nas periferias das vilas desprotexen os contornos urbanos e medioambientais e ocasionan a perda de atractivo comercial doutras opcións propias das áreas urbanas como as representadas polo pequeno comercio.
A parlamentaria considerou que as grandes áreas comerciais implican tamén grandes investimentos das administracións con custes que despois non se corresponden cos ingresos fiscais por disfrutar as grandes superficies dunha posición dominante fronte o pequeno comercio.
O PP vota en contra da proposta do BNG
Pola súa parte a portavoz do Partido popular, Cristina Romero Fernández anunciou o voto negativo dos conservadores á proposta nacionalista por considerar que un imposto ás grandes superficies comerciais incidiría nunha redución do consumo e na súa opinión, o sistema tributario non debe ser caótico.
Tras a intervención de Romero, a deputada do BNG indicou que o PP oponse sistematicamente a calquera medida destinada a que pague máis quen máis ten e que permita que os que fan negocio en Galiza contribúan fiscalmente ao seu desenvolvemento.
Vostedes, dixo, están a favor do libremercado para os grandes e se é necesario, amplían horarios comerciais, días e xornadas e ditan medidas lexislativas para espoliar o aforro galego, converténdose en intervencionistas sen o máis mínimo problema.
Prado reprochou que a voceira do Partido popular utilizara a mesma argumentación que utiliza a patronal das grandes superficies comerciais para rexeitar a proposta do BNG e volveu a retar ao PP a defender os intereses do pequeno comercio galego.
A parlamentaria nacionalista lamentou o voto en contra do Partido popular a un imposto xusto e progresivo que se está a aplicar noutras comunidades autónomas para incentivar o pequeno comercio.