O PP rexeita a proposta do BNG para ampliar a Rede Natura

Ana Pontón afirmou que Galiza conta coa “proposta máis raquítica” de todo o Estado en protección e preservación de ecosistemas e a Xunta coa aprobación do Plan Director da Rede Natura 2000, o pasado mes de marzo de 2014, renuncia a ampliar os espazos protexidos

Ana Pontón defende ampliar os espazos protexidos da Rede Natura

A deputada do BNG, e portavoz de Medio Ambiente, Ana Pontón lamentou hoxe o voto en contra do Partido popular e a abstención do PSOE da proposición non de lei nacionalista a través da cal, o BNG reclamaba instar á Xunta de Galiza a presentar, nun prazo de tres meses, unha proposta de ampliación dos espazos protexidos da Rede Natura 2000 que recoñeza a importancia de conservar e preservar espazos de grande interese e valor medioambiental, así como unha estratexia de xestión baixo criterios de desenvolvemento sustentábel deses espazos.

Na súa intervención , Pontón lembrou que Galiza ocupa “a penúltima praza das CCAA do Estado en protección do territorio Rede Natura 2000, cunha contribución de tan só o 12,92%”, moi por debaixo da media do Estado que é do 28,26%.

O PP rexeita agora unha ampliación que reclamaba no ano 2011

A parlamentaria rexeitou as emendas do Partido popular e Psoe e acusou ao PP de defender no ano 2011 a ampliación da Rede Natura que agora rexeita. Tamén no ano 2011, engadiu, o actual delegado do Goberno, Samuel Juárez, daquela conselleiro de Medio Rural, presentou en sede parlamentar unha proposta de ampliación e o Plan director onde defendía poñer a Galiza “á cabeza de Europa” na xestión da Rede Natura.

“Aquí non existe, dixo, nin política nin criterios” e os argumentos son utilizados en función de intereses partidarios. O grave é poñer en risco o medio ambiente de Galiza e dende o BNG insistimos en que existen espazos que precisan dunha maior protección e conservación e as oportunidades que abre a Rede Natura “deben ser aproveitadas” para poñer en marcha políticas de desenvolvemento económico e sustentábel.

Cosme Pombo e Ana Pontón na  Comisión de Medio Ambiente

Neste sentido, e extrapolando os datos económicos sobre fondos europeos, asegurou que investindo 34 millóns de euros, Galiza podería obter beneficios próximos aos 1.360 millóns de euros ademais de xerar postos de traballo na agricultura, gandería, aproveitamento forestal, pesca artesanal e turismo.

A parlamentaria concluíu afirmando que a Xunta volve a a perder a grande oportunidade de rescatar ámbitos de grande carencia económica, “temos potencialidade para o desenvolvemento económico” pero a vostedes non lles interesa, só lles preocupa explotar minas e parques eólicos que benefician a unha minoría, é “unha lástima a súa cegueira”, rematou.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG