A Comisión de Educación do Congreso rexeitou este mediodía debido aos votos contrarios do PP, a proposición do BNG que demandaba a mellora dos requisitos para acceder ás bolsas Erasmus co propósito de que beneficien aos estudantes de familias con menos recursos.
A política de Wert devastadora en materia de bolsas e axudas
A deputada do BNG puxo de manifesto que se algo ficou claro en máis de dous anos de Goberno do PP, é que a súa política social e educativa aumentou as desigualdades entre cidadáns de maneira significativa. O Ministerio de Educación leva 2 anos lexislando en contra de grande parte da comunidade educativa. A súa política de bolsas e axudas é un auténtico bombardeo contra os estudantes de familias máis desfavorecidas.
Rosana Pérez criticou a orde ministerial de outubro pasado, que estabelecía que para poder percibir unha bolsa Erasmus había que ser beneficiario dunha beca xeral. Unha orde que se aprobou co curso iniciado, con miles de estudantes fóra e que se viron obrigados a plantexarse a volta porque só coa contía aportada pola UE non podían financiarse no estranxeiro. Ademáis lembrou que moitas CC.AA eliminaron a súa aportación a estas axudas, co cal a situación empiorou.
As Erasmus teñen que durar máis que un semestre
Unhas medidas, subliñou a deputada do BNG, que prexudicou a miles de estudantes o que os obrigou a movilizarse. Foi a presión social a que obrigou a Wert a retroceder no seu empeño de reducir estas axudas.
Aludiu á orde do Ministerio do pasado 3 de abril de apertura do prazo par solicitar as bolsas Erasmus para o vindeiro curso. As bases de acceso ás Erasmus.es son máis duras, os requisitos de acceso se endurecen. Neste sentido, criticou o nível idiomático exixido, tan alto que equivale ao último curso da Escola de Idiomas, onde tamén se están reducindo prazas.
Asemade, foi moi crítica co modelo de alunos excelentes en lugar de primar aos alunos máis desfavorecidos e con menos posibilidades.
Reprochou ao Ministerio de Educación que decidiran recurtar o tempo de estancia das Erasmus a un semestre, tempo insuficiente para acadar un bón nivel de idiomas e dominar a lingua, un dos défices do estado español.
Detívose Rosana Pérez tamén no prazo estabelecido para peder estas bolsas que rematará o vindeiro 24 de abril coa semana santa polo medio.
Paguen xa a parte variábel das bolsas xerais
En relación ás bolsas xerais, Rosana Pérez denunciou que a estas alturas do curso, a piques de se rematar, miles de estudantes aínda non cobraron a parte variábel das axudas. Exemplificouno con dados relativos a Galiza: máis de 17.000 becados, e pouco máis de 4.000 cobraron a parte variábel. Así demandou ao Ministerio que acelere o pagamento das bolsas xerais, e aproveitou para criticar a nova fórmula do Ministerio consistente en dividir as becas en dúas partes, unha variábel e unha fixa, que prexudica a miles de familias de baixos recursos. Pedimos que se restitúa a fórmula anterior.
Por último, instou ao Ministerio a modificar a súa liña política en relación ás axudas ao estudantado, incrementando as partidas.