A negativa posición do PP impediu este mediodía que a Comisión de Emprego e Seguridade Social aprobase a proposición da portavoz do BNG, Olaia Fernández Davila, destinada a mellorar a proteción socio-laboral e económica das persoas que padecen cancro e outras doenzas graves.
Davila intentou transaccionar un acordo xeral con todos os grupos parlamentares, incluido o grupo popular, ofrecendo un texto de consenso que non foi aceitado polo PP. A votación foi 18 votos a favor e 23 votos en contra correspondentes ao PP.
A deputada do BNG non aceitou a emenda dos populares porque se limitaba a demandar ao Goberno que avalie e estude posíbeis medidas dentro do marco das pensións de invalidez non contributivas, algo que considerou insuficiente e que se queda moi curto dada a problemática que sofren os afectados de cancro e enfermidades graves. Para Davila é un tema que precisa de maior implicación da Administración, máis alá de estudos e avaliacións.
Agradecemento ao esforzo de Beatriz Figueroa e o profesor Jaime Cabeza
A deputada do BNG iniciou a súa intervención expresando un agradecemento público ao colectivo de persoas afectadas de cancro e outras doenzas graves que están a protagonizar unha grande movilización social e labor de concienciación dos problemas de desproteción laboral e de Seguridade Social que padecen.
En concreto, deu as grazas polo seu incasábel labor a Beatriz Figueroa que co seu incansábel esforzo conseguiu reunir case 400.000 sinaturas que entregou no Congreso dos Deputados sobre este tema. Tamén agradeceu ao profesor de Dereito Laboral da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza polo seu traballo no estudo da situación lexislativa actual.
O Goberno debe lexislar porque se viven situacións dramáticas
A parlamentar do BNG explicou os problemas e o desamparo que sofren moitos afectados de carcinomas e outras enfermidades graves canto se lles diagnostica a doenza e están no paro ou incluso traballando.
Davila criticou que desde o ano 1997 non se desenvolveron distintos preceptos recollidos na lexislación en canto á listaxe de enfermedades e a avaliación das mesmas e a cualificación da incapacidade permanente. É unha das tarefas pendentes de abordar que existen en materia de Seguridade Social e lembrou que a cualificación de incapacidade permanente constitúe unha cuestión diferida a criterios valorativos da Equipa de Valoración de Incapacidades, que fai a súa proposta á cualificación da Direción Provincial do INSS, e logo finalmente remata no Xulgado do Social.
Puxo de manifesto que é un proceso excesivamente burocrático e lento para persoas con estas doenzas. As persoas diagnosticadas de carcinomas ou patoloxías graves, xa teñen dabondo coa enfermidade como para ter que engadir o factor de incertidume por un proceso burocrático longo.
Ademáis, subliñou o problema que afrontan, debido a tratamentos longos, para manter o vínculo co mercado de traballo. Cando esgotan a prestación por incapacidade temporal poden ser cualificadas ou non como incapacidades permanentes, e manteñen un vínculo profesional debilitado que en ocasións remata con extincións derivadas da súa enfermidade.
A desproteción, recalcou, é maior cando se trata de persoas en situación de desemprego, protexido ou non. Soen rematar en prestacións asistenciais que os deixa moi desamparados e desamparadas.
A parlamentar nacionalista resaltou que estamos ante unha situación grave e a movilización de afectados como Beatriz Figueroa así o poñen de manifesto. É o reflexo da situación de desesperación que moitas persoas que viven unha situación dramática. Por iso instou ao Goberno a actuar e a asumir o que o BNG trouxo ao Congreso intentando ser a voz dos afectados.