O PP opúxose este mediodía na Comisión de Fomento do Congreso á proposición do BNG sobre a AP-9 e cunha proposta de Plan Integral de mellora de toda a N-550.
A deputada do BNG defendeu as propostas do BNG sobre a AP-9 consistentes na anulación de calquera suba nas peaxes, que a AP-9 sexa pública e gratuita e non estea explotada por concesionarias privadas, que a AP-9 conte por fin cun programa de descontos á altura doutras autoestradas, e finalmente, se aprobe un Plan Integral de reforma da N-550, abordándoa en toda a súa extensión.
O PP defende as subas de peaxes e a súa explotación privada
Rosana Pérez admitiu unha emenda do grupo socialista que incluía a N-651 no Plan Integral de reforma da N-550 (o tramo que vai até Ferrol), pero desestimou a emenda do grupo popular porque obviaba por completo as propostas sobre a AP-9, e reducía os seus plantexamentos a continuar desenvolvendo os estudos e proxectos de obras de conservación da N-550, que nomeadamente só atinxen ao tramo A Coruña-Santiago. O PP, através do seu deputado Telmo Martín, defendeu as subas de peaxes porque é unha obriga da Administración e da concesionaria, desentendeuse do programa descontos dicindo que é responsabilidade da concesionaria e rexeitou a recuperación do estado da AP-9 para que sexa gratuita porque habería que indemnizar á concesionaria.
A deputada do BNG comezou a sesión amosando a solidariedade do BNG coas familias e persoas golpeadas polo 11-M, e a continuación expresou as condolencias e a solidariedade do BNG coas familias dos mariñeiros falecidos no tráxico naufraxio do barco pesqueiro Santa Ana, moitos deles galegos.
Rosana Pérez resaltou a importanza da autoestrada AP-9 que vertebra todo o territorio galego e que é a conexión para moitos núcleos, vilas e cidades. Criticou que se practicase unha nova suba nos prezos das peaxes para este ano 2014 porque chove sobre mollado en referencia ao incrementos realizados en 2012 e 2013, que unido á suba do IVE, aumentaron de maneira incríbel os custes.
A deputada do BNG apuntou á crise económica como o telón de fondo da perda de volume de tráfico da autoestrada. Salientou o alto custe de circular por esta autoestrada, exemplificándoo nos 20 euros que custa ir de Ferrol a Tui e nos máis de 44 euros que custa para os vehículos pesados, e que resulta especialmente prexudicial para o sector do transporte.
Subliñou que nos últimos dez anos a AP-9 incrementouse en máis dun 30%, moi por riba do IPC, o que reportou cuantiosos beneficios á concesionaria.
Circunstancia que é a causa da baixada do volume de tráfico que circula pola autoestrada. A perda de tráfico da AP-9 supuxo o aumento de tráfico na N-550 que vai de A Coruña a Tui, coa prolongación até Ferrol através da N-651. Rosana Pérez describiu as malas condicións da N-550 en moitos dos seus tramos e que non está en situación de soportar este incremento do volume de circulación constante. Algo que tamén redunda no seguridade vial.
Na réplica ao PP, a deputada do BNG reprochou ao PP que prefira usar os cartos dos contribuíntes para resgatar autoestradas en quebra que para rematar coa privatización da AP-9.