A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu na Deputación Permanente da Cámara a solicitude do BNG de comparecencia da Ministra de Fomento após o coñecemento do auto do xuiz Aláez que acordou chamar a declarar en calidade de imputados a responsábeis de Adif da seguranza no tramo ferroviario entre Ourense e Santiago.
Davila defendeu esta solicitude dos nacionalistas galegos na Deputación Permanente da Cámara, unha solicitude que o PP rexeitou alegando que comparecera xa a primeiros de agosto e que non había motivos para unha segunda comparecencia a pesar do auto do xuiz Aláez.
Para Davila o auto do titular do Xulgado de Instrucción número 3 de Santiago obriga á titular de Fomento a dar explicacións canto antes no Congreso. As familias das vítimas, a sociedade galega precisa que se aclaren todos os aspeitos e se chegue á raiz das causas do terríbel sinistro que se cobrou a vida de 79 persoas. A deputada do BNG subliñou que a estas alturas esta claro que houbo fallos na seguranza, que houbo carencias e insuficiencias non atendidas, que hai moitos interrogantes nese eido que se deben investigar.
Hai que chegar ao fondo
E subliñou que a opinión pública comparte de maneira maioritaria que hai responsabilidades múltiples no accidente de Angrois e que no se relegan á velocidade de conducción do maquinista. Enténdese que hai responsabilidades de Adif, Renfe e Fomento en canto á seguranza dos Alvia.
Aludiu ao auto do xuiz Luis Aláez, quen imputa a responsábeis do Adif porque considera que máis alá do exceso de velocidade, houbo responsabilidades na falla de medidas de seguranza axeitadas a un tren desas velocidades, conclúe que unha análise máis detallada permite inferir a omisión de medidas de seguranza preventivas. Davila puxo de manifesto que no ano 2012 se produciron 17 accidentes ferroviarios, e o resultado da análise destes sinistros indica que se deben implementar as medidas de seguranza.
A deputada do BNG lembrou os interrogantes que pesan sobre a non operatividade do sistema de freado automático ERTMS no tramo do accidente, no que incluso non operaba o sistema ASFA dixital, senón o analóxico. Para Davila todo o que coñecemos a raiz do sinistro sobre as deficiencias na seguranza no traxecto entre Ourense e Santiago, apuntan a responsabilidades técnicas, e toda responsabilidade técnica ten responsabilidade política.
Davila reiterou a solicitude do BNG de aprobación dunha Comisión de Investigación no Congreso para esclarecer as causas do sinistro e chegar ao fondo a fin de evitar que no futuro se repita unha catástrofe ferroviaria como a sucedida en Santiago de Compostela na víspera do 25 de xullo.