A deputada Ana Pontón lamentou o voto en contra do PP e a abstención do PSOE para reclamar da Comisión europea facer público o novo informe do accidente do Alvia en Angrois e crear unha comisión de investigación co fin de depurar as verdadeiras responsabilidades políticas do accidente ferroviario
A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón pediu hoxe ao goberno, a través dunha proposición non de lei, demandar que a Comisión Europea faga público o novo informe sobre o accidente do Alvia en Angrois e crear unha comisión de investigación no Parlamento galego para facer xustiza e coñecer toda a verdade sobre o sinistro.
A parlamentaria do BNG lamentou o voto en contra do PP e a abstención do PSOE que impediron que prosperara a iniciativa nacionalista.
Tres anos do accidente do Alvia en Angrois con 80 persoas mortas e 140 feridas
Tras dar a benvida á Plataforma de vítimas do accidente do Alvia en Angrois, convidada polo BNG, a deputada lembrou que o vindeiro 24 de xullo cumpriranse tres anos do gravísimo sinistro de Angrois con 80 persoas mortas e 140 feridas. Tres anos, recalcou, 1.095 días en que as vítimas, as persoas que perderon un fillo, unha amiga, unha nai tiveron que manter vivo o pesadelo desa dramática situación pero tamén tres anos nos que tiveron que sobrepoñerse a dor para estar nas rúas, nas portas dos xulgados e nas tribunas dos Parlamentos reclamando xustiza e que se coñeza a verdade. O que está pasando coas vítimas do accidente de Angrois dixo Pontón é unha vergoña.
O BNG pide por cuarta vez que se constitúa unha comisión de investigación
Dende o BNG, engadiu a deputada, sentimos vergoña dun estado que antepón os intereses das empresas que fixeron o AVE á dignidade das vítimas e cunha Ministra de Fomento, que ademais é candidata do PP pola provincia de Pontevedra, que prometeu axudar ás vítimas e o único que fixo foi entorpecer a investigación xudicial.
Danos vergoña que as maiorías bipartidistas dos Parlamentos impidan que se constitúan comisións de investigación. Hoxe, é a cuarta vez que o BNG pide unha comisión de investigación para coñecer a verdade e depurar as responsabilidades do sinistro.Nós estaremos sempre ao lado das vítimas e da verdade e estaremos ata o final esixindo que os responsábeis asuman o que aconteceu en Angrois.
Fejóo ausente do debate do maior accidente ferroviario da historia de Galiza
A parlamentaria criticou que o presidente da Xunta se ausentara do debate e preguntou se Feijóo sería capaz de mirarlle aos ollos as persoas que hoxe están na tribuna e que ían no tren para dicirlles que está do seu lado porque cando tivo esa oportunidade, o que fixo foi enviarlle aos antidisturbios na entrega das medallas de Galiza cando as vítimas estaban fora.
Queremos que se faga xustiza e o BNG petará na Comisión europea, no Congreso dos deputados, no Parlamento galego nos concellos e institucións, ata que se tomen as medidas para que un sinistro destas características non volva a suceder.
Novos datos que lle dan a razón ás vítimas
Hoxe sabemos que hai máis responsabilidades ca do maquinista e todo o que se fixo dende o accidente foi unha grande mentira. Un dos principais argumentos utilizados polo Partido popular para negar a comisión de investigación, explicou a deputada, era que xa existía unha comisión de investigación ferroviaria pero o BNG e as vítimas dixemos que esa comisión non era válida por ser xuíz e parte. Denunciamos que o presidente da comisión fora directivo de RENFE ata o ano 2004 no que pasou a ser corporativo de seguridade e que mantén vinculacións económicos coa empresa de RENFE Mercancías S.A así como que todos os membros da comisión tiveran vínculos con RENFE, o ADIF e as empresas adxudicatarias das obras polo que resultaba imposible que puideran facer un traballo independente.
O BNG organizou coa a Plataforma de vítimas do Alvia unha visita ás institucións europeas para denunciar a vulneración normativa na investigación e sabemos que a propia comisión advertiu deste dato xa no ano 2012 e mesmo abriu un procedemento sancionador ao Estado Español porque a CIAF, ten unha composición que incumpre a Lei. Hoxe tamén sabemos que a comisión europea e o propio Estado español recoñecen que a CIAF non tiña validez.
Por outra parte, Pontón acusou ao Partido popular e ao Partido socialista de presionar á Comisión europea para non facer público o informe, antes das eleccións.
De ser efectivas as medidas de seguridade, o accidente de Angrois se podía evitar e ante esa realidade é necesario recoñecer que as cousas se fixeron mal, que as vítimas teñen dereito a coñecer a verdade, e que as responsabilidades políticas deben ser dirimidas nunha comisión de investigación no Congreso dos deputados e no Parlamento de Galiza, concluíu.