O PP responde ao BNG que o peche de camas hospitalarias obedece ás vacacións de persoal

A deputada do BNG, Montse Prado reclamou, a través dunha Proposición non de lei, non pechar 1.200 camas hospitalarias nos meses de verán e contratar persoal para evitar a medida

Montse Prado

A deputada do BNG, Montse Prado reclamou hoxe, na Comisión de Sanidade, non pechar as camas hospitalarias durante os meses de verán para impedir “ colapsos” nos servizos de urxencias e o aumento das listas de espera.

Prado insistiu nas consecuencias do peche de camas hospitalarias destacando a “saturación nos corredores” e a desorganización na atención de enfermos e crónicos, “o PP empeñase en deteriorar a sanidade” e esta medida incide gravemente nesa dirección, manifestou.

Apoio do BNG aos traballadores e traballadoras da sanidade

A nacionalista principiou a súa intervención expresando o apoio do BNG aos traballadores/as e centrais sindicais que hoxe e o pasado día catorce convocaron mobilizacións contra a privatización do sistema sanitario demandando restituír o carácter, público, gratuíto e universal da sanidade galega.

As protestas do persoal “deitado no chan dos hospitais”, dixo, continuarán o vindeiro día 28 para denunciar o actual deterioro da sanidade, un deterioro, “consolidado polo Partido popular, día tras día”.

Xa no debate, a deputada reiterou que a Xunta dedica os seus esforzos a privatizar os diferentes servizos sanitarios, loxísticos, e tecnoloxía como evidencia a redución dos orzamentos anuais ao que hai que sumar a escusa do “aforro” coa aplicación de copagamentos por prestacións sanitarios que non son máis, dixo, que “impostos á enfermidade”

Montse Prado

Neste contexto, engadiu, a Xunta da unha volta de torca e no período estival procederá “ao maior peche de camas hospitalarias” da nosa historia. A partir do mes de xuño, comezará a medida que alcanzará a cifra, durante os catro meses de verán de 1.200 camas co conseguinte problema asistencial e presión sobre o persoal sanitario e centros ao verse obrigados a reducir os ingresos e tempos de estancia.

PP: “Pechamos camas para que o persoal disfrute das vacacións”

Pola súa parte, o portavoz popular Aurelio Alfonso Núñez Centeno xustificou a medida argumentando que o persoal da sanidade debe disfrutar das vacacións e resulta “imposible” substituílo, de aí que haxa que pechar as camas no verán.

A parlamentaria respondeu que a única intención do PP non é outra máis que seguir cos recortes e “se non hai actividade, non hai gasto” para logo “presumir dos cartos aforrados” grazas as medidas de austeridade.

Fronte o rexeitamento social e d@s profesionais contra o peche de camas, agora o PP sorpréndenos co “Hospital na casa” argumentando que “ o elemento cama ofrece pouco valor e resulta moi caro”, segundo afirmou a conselleira de Sanidade e o propio Presidente da Xunta. Grazas a “este invento”, serán derivados aos domicilios doentes oncolóxicos, respiratorios ou con obstrucións pulmonares, “hai que ter valor para propoñer semellante barbaridade”, concluíu a nacionalista

A iniciativa do BNG destinada a non pechar as camas hospitalarias contou co apoio do PSOE e AGE pero finalmente foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG