A través dunha proposición non de lei, rexistrada polo trámite de urxencia, a deputada nacionalista, Carme Aira instou á Xunta a velar pola legalidade vixente no conservatorio de Monforte ante a discriminación salarial e laboral, por razón de xénero, e reparar unha situación que se prolonga no tempo.
A parlamentaria do BNG lamentou o “voto en contra do PP e PSOE” á proposta nacionalista que reclamaba urxir ao goberno a actuar de inmediato e exercer as súas competencias contra as condicións discriminatorias e desigualdades salariais no centro.
Monforte de Lemos, explicou Carme Aira, conta cun conservatorio con dez docentes e atende a cen nenas e nenos da comarca. Seis das dez persoas traballadoras teñen un vínculo contractual co Concello de Monforte como persoal laboral fixo e de esas seis persoas traballadoras, catro son mulleres cun contrato que reflicte 30 horas lectivas á semana da que cobran actualmente 26. Esta circunstancia, afirmou Aira, é coñecida polo goberno municipal ao igual que a “fenda salarial” de 11.000 euros a respecto dos seus compañeiros de traballo.
Aira lembrou que o Conservatorio de Música de Monforte, de titularidade municipal, iniciou a súa andaina hai 21 anos como servizo para toda a comarca de Monforte e facilitar que nenas e nenos do sul de Lugo accederán á formación musical en igualdade.
Este servizo público que depende da administración local, tamén pública, mantén ao profesorado nunha “situación de precariedade” e a maioría dos profesores e profesoras presentaron demandas contra o concello por esta situación e outras irregularidades. Só un dos traballadores, “o director do centro”, conta con contrato a xornada completa de 37,5hs, outras catro traballadoras con contrato a xornada completa de 30 horas á semana das que 26 son lectivas, “non perciben retribución por catro horas”.
Por outra parte, as condicións laborais irregulares dunha gran parte do persoal xeran unha grande incomodidade que o goberno do concello de Monforte pretende resolver “con man dura” e medidas que rozan á “ilegalidade”. As traballadoras, “cobran menos que os seus compañeiros” e tras varias reclamacións sen resposta, víronse obrigadas a presentar unha demanda reclamando o pago das horas de traballo.
O feito de estar contratadas a "xornada completa de 30hs”, no canto de estar a 37,5 hs que marca o convenio municipal, fai que estas profesoras coticen menos á seguridade social co prexuízo que supón no caso de sufrir unha IT e que as súas futuras pensións se vexan reducidas, porque durante a súa vida laboral perden poder adquisitivo a respecto dos seus compañeiros homes.
A deputada apelou ás competencias do goberno galego, Secretaría Xeral de Igualdade e consellerías de Emprego e Educación para reparar unha situación discriminatoria e recuperar a “legalidade” do profesorado do Conservatorio de Música de Monforte.