A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu esta tarde á tribuna do Congreso a defender a proposición de lei do BNG que pedía a transferencia a Galiza das competencias en Salvamento Marítimo e na loita contra a contaminación mariña.
Tanto PP como PSOE manifestaron o voto en contra dos seus grupos á proposición do BNG. O grupo socialista defendeu a permanencia da competencia exclusiva en mans do estado. O grupo popular, por boca do deputada Celso Delgado, tirou do xa clásico argumento centrado no pasado aludindo ao bipartito e igualmente defendeu que sexa unha competencia estatal exclusiva. Na súa liña anti competencial, UPyD, tamén votou en contra. O resto das formacións políticas do Congreso respaldaron a proposición de lei do BNG.
Rosana Pérez lembrou que o sinistro marítimo do Prestige nas costas galegas o 13 de novembro de 2002, puxo de manifesto o problema da seguridade do tráfico marítimo que pasa polo corredor de Fisterra e ameaza o noso litoral. Sinalou que o Prestige foi o último pero non o único, e mencionou outros sinistros como o Polycommander, o Urquiola, o Aegean Sea.
A deputada do BNG salientou as cifras de tráfico marítimo que pasa polo Dispositivo de Separación do Tráfico Marítimo de Fisterra: uns 45.000 buques por ano, dos cais 14.000 transportan mercadorías perigosas. Sen esquecer a intensísima actividade de embarcacións pesqueiras ao longo do noso litoral. De aí que Galiza sexa obxecto dun elevado número de emerxencias, avarías ou naufraxios cada ano. Neste sentido, lembrou os sinistros recentes do Mar de Marín, do Mar Nosso ou Santa Ana, que se cobrou a vida de 18 persoas.
A parlamentar nacionalista preguntouse como é posíbel que a nosa frota represente o 50% do conxunto da frota do estado e non faenando nos corredores de maior densidade de tráfico (como o Canal da Mancha e o Estreito de Xibraltar) sume o 80% das vítimas mortais por accidentes marítimos?. Para Rosana Pérez isto é un indicador de problemas específicos que se tratan de forma xenérica e poñen en evidencia fallos de descoordenación entre as administracións implicadas en xestionar os accidentes.
Privatizacións no eido do salvamento
Rosana Pérez enfatizou que os accidentes marítimos non se producen só por fallos humanos ou meteoroloxía adversa. Sobre todo nos últimos tempos, teñen moita relación cos retrocesos en salvamento marítimo e nos sistema de seguridade. Aludiu á privatización de servizos públicos, a enfermidade máis estendida nos gobernos dos últimos anos. Así aclarou que os sistemas de radiocomunicación marítima pasaron a ser xestionados agora por unha empresa privada. Asemade, privatizáronse as embarcacións e as tripulacións de salvamento, xestionadas agora por REMOLCANOSA. Os helicópteros de salvamento Pesca I e Pesca II, tamén se enaxenaron á empresa INAER, e o helicóptero que estaba en Cee, agora está inoperativo para misións nocturnas e trasladado a Santiago.
Recurtes
A deputada do BNG tamén salientou os recurtes que están a ter repercusións negativas. Así, mencionou que o investimento de Salvamento Marítimo en mellora de equipos e medios no 2013 foi a menor nos últimos 14 anos. Nin o Plan Nacional de Salvamento Marítimo 2010-2018 nin o Plan Marítimo Nacional de resposta ante a contaminación do medio mariño, recollen as propostas do sector e de expertos.
Xestionar desde a proximidade
Ademáis, Rosana Pérez argumentou que a complexidade e a velocidade con que se desenvolven os accidentes marítimos, precisan de intervencións rápidas. Desde o coñecemento do medio, desde a proximidade, indicou, o cal demostra a inadecuación do actual modelo de salvamento vixente no estado. Por iso o BNG leva anos demandando a transferencia de competencias nesta materia. E non o fixemos por capricho senón debido á amarga experiencia de infinidade de catástrofes marítimas e o posterior abandono ou a escasa atención da administración estatal.
A parlamentar nacionalista reprochou ao Goberno que os pasos dados neste sentido son insuficientes. Para Rosana Pérez a Xunta debería ter as competencias para facer unha política propia, e poder adoptar as decisións coa celeridade pertinente. Poder crear o seu propio Dispositivo de titularidade pública. Argumentou que tanto a Constitución española como o Estatuto de Autonomía recollen esa posibilidade.
Explicou a deputada do BNG que os problemas de coordenación entre as distintas administracións quedou en evidencia en moitos accidentes, e incluso foron recollidos nas conclusións da Subcomisión do Congreso sobre a catástrofe do Prestige. Defendeu unha axeitada política preventiva feita desde Galiza. Rematou pedindo a admisión a trámite da proposición de lei para abordar en profunidade un debate que é necesario.