O PP opúxose á proposición do BNG que pedía unha CIAF independente, nomeada democraticamente

DSC_0659PP rexeitou este mediodía na Comisión de Fomento do Congreso a proposición non de lei da deputada do BNG, Rosana Pérez, que demandaba unha Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) independente, desligada de Fomento e cun proceso de nomeamento máis democrático. O grupo socialista abstívose, e recibiu o respaldo doutros grupos.

Rosana Pérez puxo de manifesto que pouco tempos após do terríbel accidente de Angrois, o BNG presentou unha proposición non de lei parecida a que estamos a debater porque coidamos “que a composición da CIAF non era suficientemente independente e transparente para garantir a rigurosidade que debía ter a investigación sobre o accidente”.

Sinalou que “pasado case un ano do sinistro, voltamos a presentar unha proposición que pide un cambio no nomeamento dos membros da CIAF, porque hai argumentos a maiores”. Nese sentido, aludiu ao informe enviado pola CIAF ao Xulgado de Santiago que investiga o accidente ferroviario e que apunta como único responsábel ao maquinista e ao exceso de velocidade.

O Informe da CIAF está “na liña de Fomento”

“É un informe na liña do que responsábeis do Ministerio estabeleceron case no mesmo momento do accidente”, afirmou Rosana Pérez. Lembrou que a CIAF está composta por cinco vocais, un Presidente e un Secretario, vinculados todos a órgaos de Fomento. A deputada do BNG utilizou unha expresión das asociacións de vítimas coa que “concordamos. É que non se pode ser xuiz e parte”.

Indicou que se miramos os currículos dos membros da CIAF, na súa maioría están vinculados a Renfe como o Señor Angel Pastor, que foi Directro da Unidade de Produción de Renfe, e que no 2002 recibiu o informe sobre a perigosidade da curva de Puertollano.

Rosana Pérez subliñou que a conclusión do informe é que hai un responsábel único do accidente, que foi un fallo humano do maquinista. “Non negamos o exceso de velocidade, pero é paradóxico que no mesmo documento se fagan recomendacións como o deber de sinalización da vía ou a implantación de balizas. O simple feito de que se aconsellen medidas de reforzo da seguridade é un recoñecemento explícito de deficiencias na seguranza. Polo tanto, de que as causas van máis alá do fallo humano”.

“Non se pode apuntar a un único responsábel e ao mesmo tempo sinalar lagoas na seguranza”, afirmou a deputada do BNG. Ademáis, criticou o feito de que Adif e Renfe poidan ter acceso a informes da CIAF antes que ninguén. Incluso se hai discrepancias poderá haber como mínimo unha xunta para subsanalas. Outro factor que vai en detrimento da transparencia.

Por iso, propuxo unha fórmula para facer máis democrático e aberto o nomeamento dos membros da CIAF.

A esta proposición non de lei, se lle presentou unha emenda por parte de Izquierda Plural que compartindo co BNG a necesidade de maior independencia e autonomía da CIAF, non estaba dacordo en desligalo de Fomento. Polo tanto, propuña un sistema de nomeamento distinto ao do BNG e mantiña a vinculación a Fomento, algo que a deputada do BNG non aceitou.

A crítica máis dura á proposición non de lei do BNG veu por parte do deputada do PSOE, Simancas, que fixo unha férrea defensa da CIAF, de Fomento, do Adif e de Renfe. Por parte do PP, a intervención veu da mán do deputado Guillermo Collarte que relegou toda investigación sobre o accidente de Angrois ao proceso xudicial e defendeu asemade a actual composición da CIAF.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG