O PP deixou claro na súa intervención por boca da deputada Tristana Moraleja, que non vai apoiar a moción da deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, cunha serie de medidas para garantir o futuro dos estaleiros galegos de Navantia.
Na súa intervención Rosana Pérez puxo de manifesto que a situación extrema pola que atravesan os estaleiros galegos de Navantia é consecuencia das políticas dos diferentes Gobernos centrais. Agora, nada indica que se vaia mellorar, todo o contrario, continúa a diminución da capacidade produtiva, o deterioro laboral e a redución de traballadores.
Subliñou que a nefasta xestión de Navantia e a caída de contratos desde o ano 2006. Reprochou ao Ministro Montoro a súa intervención ambigüa, puxo en evidencia que non hai contratos confirmados, só existen futuríbeis e criticou a falla dun verdadeiro Plan Industrial.
Tampouco hai un Plan de diversificación a pesar de que se anuncia en cada campaña eleitoral, igual que o tema do dique flotante que se emprega para non falar das cuestións de fondo, enfatizou.
A nefasta xestión de Navantia
A deputada do BNG pasou a explicar no Pleno algunhas das cuestións de fondo que afectan a Navantia na Ría de Ferrol: debería haber actuacións políticas intensas para levantar o veto que pesa sobre Navantia Fene para a construción civil. É o único xeito de ter suficiente carga de traballo e advertiu ao Goberno que se pode facer porque o Acordo entre a UE e o Goberno español de 2005, recolle que se poden revisar os compromisos se se producen novidades. Acaso a situación laboral de Navantia non é suficiente para revisar dito Acordo?, preguntou Rosana Pérez.
Rosana Pérez tamén aludiu á situación económica da empresa: os ingresos de explotación son inferiores aos custes de produción desde hai anos. E se contempla unha forte caída desde o ano 2012, para o que non vale cun simple flotel. Neste sentido, salientou o feito de que os únicos centros que obtiveron resultados positivos foron os de Navantia Ferrol, e se houbese carga de traballo os resultados terían sido aínda mellores.
Criticou a negativa actuación na xestión da empresa, por iso é tan escandaloso que se pretenda atribuir aos traballadores as consecuencias desta errática xestión. Alertou dos intentos de continuar coas políticas de reestructuración porque non van mellorar a situación da empresa.
Rosana Pérez enumerou as medidas que o BNG propón na moción como o de crear Unidades Territoriais cunha Direción única e competencias completas de xestión e responsabilidade propia, facilitar a participación da Xunta no Consello de Administración de Navantia, consolidar a situación financeira da empresa, aprobar unha partida para impulsar a construción do dique flotante, levantar o veto, entre outras propostas.
A deputada do BNG amosou o seu dispór a negociar acordos cos grupos que presentaron emendas e acordar unha transaccional, mais desbotou a emenda do grupo popular por reduccionista e falta de propostas. A moción será votada cando remate o pleno de mañá xoves.
O PP considera que Montoro deixou todo claro sobre carga de traballo para Navantia
Propostas que o PP por boca da deputada galega, Tristana Moraleja, rexeitou expresando a súa estraneza de que o BNG presentase esta moción despois da resposta do Ministro Montoro á deputada do BNG cando quedou todo moi claro. A intervención da deputada do PP foi unha copia da realizada por Montoro, con especial mención a flotel. En relación ao dique flotante, moveuse na mesma linguaxe ambigüa e confusa, sinalando que houbo unha consulta previa antes de tomar unha decisión pero seguiu a liña ministerial de non aclarar se houbo ou haberá unha consulta formal ante a UE.