O PP non quere a tarifa eléctrica galega que propón o BNG que beneficiaría ás familias e industria

A deputada, Carme Adán propuxo que o INEGA elaborara o estudo para unha futura implantación dunha tarifa eléctrica galega que beneficiaria ás familias e industria galega

Carme Adán

A parlamentaria do BNG, Carme Adán avanzou que no vindeiro pleno será tratada unha Iniciativa Lexislativa popular centrada na tarifa eléctrica galega para que Galiza como “produtora excedentaria de electricidade”, as familias e a industria obteñan beneficios por esta circunstancia.

A deputada propuxo elaborar un estudo co fin de valorar os beneficios e a implantación real da tarifa eléctrica galega diferenciada, o INEGA, dixo, sería o centro adecuado para elaboralo e dende o BNG, en reiteradas ocasións xa incluímos unha emenda nos orzamentos para realizar o estudo.

Poseer datos e unha análise exhaustiva desta posibilidade, “sería bo para abordar o debate” porque o prezo da luz segue subindo e durante a crise a electricidade subiu “trinta veces máis que o pan ou dezasete veces máis que as verduras”. Dos bens de primeira necesidade para as familias, explicou, “a electricidade é o que máis subiu dende o ano 2008 ao 2015 nun 52%”.

A subida constante do recibo eléctrico tamén conduce a “pobreza enerxética” e para o BNG o tiket eléctrico anunciado polo Goberno é “pura propaganda” porque nin sequera é paliativo para as familias que a final de mes non poden pagar a luz.

O PP non apoia a proposta do BNG e afirma que hai miles de millonarios en Galiza grazas as enerxías térmicas

Tras a intervención do portavoz popular, Hipólito Fariñas que anunciou o voto en contra da proposta nacionalista porque discriminaría ao resto do Estado, tamén asegurou que “miles de familias fixéronse millonarias coas enerxías térmicas”. Adán replicou que a afirmación do portavoz popular precisa doutro estudo, neste caso, ironizou, sobre eses miles de millonarios que en Galiza “non existen”.

A parlamentaria recalcou que no mes de decembro subiu o recibo da luz o 0,8% e veremos que pasa no mes de xaneiro. A nosa iniciativa, engadiu, só pretende ter os datos enriba da mesa das posibilidades económicas e xurídicas para contar cunha tarifa diferenciada, como xa se fixo Euskadi.

Adán lamentou que o PP rexeitara a proposta nacionalista destinada a favorecer ás familias e industria cunha tarifa eléctrica galega.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG