O PP non quere que o rescate sexa sometido a referendo

O PP e UPyD impediron esta tarde no Pleno do Congreso dos Deputados a aprobación da proposición de lei do BNG que demandaba a celebración dun Referendo en situacións de solicitude de resgates ou de adopción de medidas que comprometen os dereitos laborais, económicos e socias da cidadanía.

O Pleno desta tarde debatiu a proposición de lei do BNG, asinada conxuntamente co grupo de Izquierda Plural.

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, lembrou a solicitude de resgate bancario que o Goberno de Rajoy fixera en xullo. “Un resgate que non foi gratis, non foi unha mera liña de financiamento a interese baixo como tratou de convencernos o Ministro de Economía, e desde logo, as condicións ventaxosas onde están? Consisten en despedir a miles de traballadores de NCG banco a cambio de 40.000 millóns?”

A maioría absoluta non lles lexitima para facer tanta destrucción

Davila recalcou que “o feito de que teñan maioría absoluta non lles lexitima democraticamente para levar a cabo tanta destrucción, máxime cando lograron a maioría absoluta a base de enganar á cidadanía cun programa de goberno falso”. “Non é un engano que digan en campaña que non van subir impostos, e moito menos o IVE, e a continuación aproban incrementos do IVA dos máis altos que se lembran?”.

“Non é un engano que afirmen que non van tocar a sanidade e a educación públicas pero a día de hoxe están a facer todo o contrario, destruindo e desmantelando os piares do Estado de Benestar? Non é un engano dicer que ían reducir o paro e resulta que se incrementou en 600.000 persoas?”.

Para a deputada do BNG “non é de recibo que se adopten decisións desta envergadura sen que os cidadáns se manifesten ao respeito. Por iso, pedimos a celebración dun referendo nas situacións nas que o Goberno vaia adoptar medidas como as aprobadas no seu primeiro ano de Goberno a golpe de Real Decreto”.

O PP enganou. Hai que consultar á cidadanía

Olaia Fernández Davila subliñou os recortes en educación, sanidade, dependencia e a baixada dos salarios dos empregados públicos. “Recortes no fundamental para pagar os intereses da débeda. Só políticas destinadas ao engorde da banca que nos trouxo a crise financeira, unha banca que desaloxa familias sen contemplacións, que nega créditos pero que hai que salvar a toda costa”.

A deputada do BNG afirmou que “só tiveron a virtude de sacar á rúa a todo o mundo. O destrozo social é tan grande que lograron que xuices, avogados, personal sanitario, profesores e educadores, estudantes, traballadores e empregados públicos unas as súas voces amosando o seu malestar pola baixada de salarios, incrementos do IVE, precarización do traballo, dependentes sen axudas, un paro en cifras récord, familias que quedan sen casa pola usura dos bancos, despedimentos e ERE´s sen fin, taxas xudiciais, copagos farmacéuticos.

Davila criticou ao PP por ter enganado á cidadanía prometendo cousas en campaña para agora facer o contrario. “Mentiron, por iso a xente ten dereito a decidir e ser consultada en situacións que lles están comprometendo o futuro, deixándolles sen dereitos laborais, sociais e económicos”.

Hora e que os cidadáns tomen a palabra

Ademáis, reprochou ao Goberno “gobernar a golpe de Real Decreto Lei, recurso excepcional, un abuso antidemocrático. Unha forma de gobernar de dubidosa calidade democrática”. “Empioraron as condicións de vida da xente cos seus 27 Reais Decretos Leis”.

Para a parlamentar nacionalista “hai razóns suficientes para reivindicar un Referéndum”.

Olaia Fernández Dávila sinalou que é un clamor social a necesidade de abrir novas canles de participación directa dos cidadáns na toma de decisións e avanzar cara unha democracia participativa. Nesa liña, mencionou o artigo 23 da Constitución, ou o artigo 92 que estabelece a posibilidade de que as decisións políticas de especial trascendencia poidan ser sometidas a referendo.

Para a deputada do BNG “é o momento de aplicar máis democracia, deixando que sexan os cidadáns os que tomen a palabra e se pronuncien sobre decisións vitais que van afectar ao seu futuro. É o momento de abandonar un modo de gobernar a golpe de Real Decreto Lei. É hora de deixar o rodillo da maioría absoluta e contar cos cidadáns”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG