Montse Prado reprobou ao Partido popular construír un hospital rodeado de escándalo, polémica e sospeita e non escoitar ás miles de persoas que percorreron as rúas de Vigo reclamando explicacións
A iniciativa do BNG e AGE, para solicitar unha comisión de investigación sobre a privatización e construción do novo hospital de Vigo, Álvaro Cunqueiro, foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.
A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado lembrou que miles de persoas percorreron as rúas de Vigo reclamando un hospital público e o mesmo están a facer os profesionais nese hospital, a medio funcionar.
O persoal da Sanidade manifestase nas portas do Parlamento contra a xestión do hospital de Vigo
A deputada aludiu tamén ás persoas que coincidindo co debate concentráronse nas inmediacións do Parlamento reclamando que o Álvaro Cunqueiro sexa un hospital público, sen recortes e con todas as garantías nas prestacións. Baixen vostede aí, dixo Prado dirixíndose ás bancadas do PP, e explíquenlles porque seguen defendendo a privatización do hospital de Vigo.
Na súa intervención, a nacionalista explicou que o PP cambiou o modelo público polo da privatización a través dunha adxudicación a unha UTE para o financiamento, construción, xestión e explotación de numerosos servizos do hospital e modificou o proxecto inicial que pasou da previsión de 1.300 camas a 800, reduciu nun 31,8%, os quirófanos nun 31,4%, as urxencias o 55,5%, eliminou o laboratorio central e empeorou a calidade dos materiais de construción perdendo a súa capacidade enerxética.
Un hospital para facer caixa para empresas amigas do PP
Por outra parte, insistiu no desfase orzamentario, ao pasar de 400 millóns de euros a máis de 1.300 millóns ao que sumou a externalización da xestión da supervisión das obras que foi adxudicada a unha empresa que posteriormente volveu adxudicar a outra por valor de catro millóns de euros, unha empresa privada intimamente vinculada ao Partido popular, explicou, cuxa titular desempeñou importantes cargos de responsabilidade na administración sanitaria entre os que destacou: a dirección do Hospital Meixoeiro, Xerencia de Fuenlabrada e colaboración coa Ministra Ana Pastor. Esta empresa, engadiu, tiña a obriga de velar pola construción novo hospital de Vigo e elaborar un informe que finalmente fixo, acorde aos seus intereses e afán de sacar lucro e non na procura dunha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade polo que reiterou a necesidade de investigar as razóns de conceder a xestión a unha empresa privada cando podía ser competencia da propia administración pública.
A deputada afirmou que o hospital de Vigo fíxose para facer caixa e beneficiar as empresas amigas do PP. Si non teñen nada que ocultar voten a favor do que está a pasar no hospital de Vigo, concluíu.
O Partido popular rexeitou a creación da comisión de investigación por considerar que o hospital de Vigo cumpre as condicións previstas.