A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado, reclamou crear “unha rede de vixilancia epidemiolóxica” en toda Galiza para detectar e alertar, de maneira anticipada, o virus da COVID nas augas residuais.
A parlamentaria propuxo “aproveitar todo o coñecemento” adquirido polo COVID-BENS para poñer en marcha unha rede en Galiza co obxectivo de saber “como está circulando o virus” e avanzar na súa anticipación e protección. A xuízo da deputada, “é preciso ter información para tomar as decisións máis acaídas e contar con ferramentas para saber como está circulando o virus, ou proxeccións de como poder facelo para anticiparse, para cambiar a tendencia e non ir detrás do virus senón diante”.
A prioridade, dixo a nacionalista, “non pode ser gañar o relato, a calquera prezo, aínda que sexa fraudulento”.A prioridade ten que ser “gañarlle ao virus e actuar para que non colla continuamente a dianteira” e este proxecto é un claro exemplo.
A parlamentaria lembrou que o COVID-BENS detectou “con antelación a presenza da variante Ómicron” e resulta “incredible” que o goberno galego non utilice “este proxecto exitoso” e con profesionais de moi alto nivel para poñer en marcha “unha rede nas depuradoras galegas” para seguir traballando na detección do virus nas augas residuais.
Se algo nos ensinou a Covid 19, afirmou a nacionalista “é que hai que seguir alerta”, que non se pode baixar a garda e polo tanto é fundamental ter capacidade para detectar a presenza de virus, bacterias ou outros patóxenos para anticiparse a ameazas ou pandemias actuais ou futuras.
Con este obxectivo, explicou Prado, en abril de 2020 púxose en marcha na Coruña un proxecto de investigación entre a empresa de depuración de augas EDAR Bens e un equipo multidisciplinar conformado por profesionais da microbioloxía, enxeñería, matemáticas, informática, química. Investigadores das Universidade da Coruña (UDC), Santiago (USC) e Vigo (Uvigo) do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (Inibic), do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, do Centro de Investigación en TIC (Citic) e do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), así como persoal de EDAR Bens.
Un proxecto que creou “un modelo para realizar a análise da carga viral presente nas augas residuais que recolle a depuradora de Bens e para vixiar e prever a evolución da epidemia”.
O obxectivo principal do proxecto COVIDBENS consiste no seguimento da epidemia de coronavirus SARS-CoV-2 na área metropolitana de aproximadamente 400.000 habitantes que comprende aos municipios da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, que verten as súas augas residuais á depuradora de Bens.
A información facilitada, asegurou a deputada, permite detectar con antelación a presenza de patóxenos, e polo tanto anticiparse, porque determina a carga viral aínda que as persoas sexan asintomáticas. “Un sistema de vixilancia con resultados satisfactorios. Un modelo matemático que permite calcular cunha marxe de erro mínimo o número de contaxios nunha zona determinada, permitindo acoutar incluso a situación xa non só dun barrio, senón dun edificio e ofrece unha imaxe real do número de persoas positivas por 100.000 habitantes, actualizándose en tempo real”.
A deputada afirmou que o proxecto resulta útil para comprender, “con grande fiabilidade”, a verdadeira magnitude da epidemia, nun lugar e momento dado, como elemento eficaz de alerta temperá para anticiparse” e unha información valiosa para prever, acoutar e conter os gromos o antes posíbel.
Montse Prado lembrou que os e as profesionais trasladan á Dirección Xeral de Saúde Pública o proxecto e a proposta de crear unha rede a nivel de Galiza, “sen que polo momento obtiveran resposta”.
“Non ten explicación que saltara a información de que este proxecto Covid-Bens tiña a data de remate a finais de novembro por falta de financiamento e que tan só se retomara temporalmente por petición dos concellos ao director da depuradora diante do decrecemento dos contaxios”, remarcou.
Tras a intervención da Directora xeral de Saúde Pública, Carme Durán que eludiu pronunciarse sobre a proposta do BNG e afirmou que existe unha rede para intercambiar datos a nivel europeo a través de diversos proxecto como o Vatar-Covid19, a deputada criticou que a Xunta de Galiza meta “nunha gabeta” todo o coñecemento, investigación, modelos estatísticos e detección de variantes estudados polo proxecto Covid-Bens e renuncie a “unha rede en toda Galiza para detectar e alertar da presenza do virus nas augas residuais”.
Montse Prado lamentou que o goberno galego non atenda as demandas do proxecto EDAR-Bens, “un proxecto moi útil que foi capaz de detectar a variante ómicron con 18 días de antelación”. O propio colectivo de profesionais demandan que o proxecto non sexa pechado pola Xunta “nunha gabeta” e se estenda ao resto de Galiza e que a Xunta lidere a vertebración deste sistema.