O portavoz en materia de Industria do BNG, Ramón Fernández Alfonzo reclamou no Parlamento galego un “pronunciamento unánime” a favor da Intervención do goberno do Estado na empresa ALUIBÉRICA, e concretamente da fábrica situada na Coruña. Os votos en contra do Partido popular e a abstención do Psoe impediron que a proposta nacionalista prospera.
Na defensa da proposta, Ramón Fernández explicou que a empresa do grupo ALCOA foi traspasada ao fondo suízo PARTER no transcurso do ERE extintivo e como medida alternativa ao peche da fábrica. Unha medida, dixo, acordada entre ALCOA e a maioría da representación legal do persoal das fábricas da Coruña e Avilés e coa participación do Ministerio de Industria e dos gobernos galego e asturiano.
A operación da venda incluía o compromiso de ALCOA de poñer a disposición da compradora fondos por valor de 95 millóns de euros, nun período de 2 anos a partir da data de venda. “Unha achega de capital condicionada á subrogación de todo o persoal co mantemento das condicións salariais e retributivas previas, así como investimentos da compradora para a viabilidade do proxecto industrial. A compradora comprometíase a poñer en funcionamento de novo as cubas de electrólise e a realizar melloras no proceso de fundición.
Mon remarcou que na fábrica da Coruña traballan máis de 300 persoas de maneira directa, ademais de traballadores e traballadoras de empresas auxiliares e empregos inducidos.
Os feitos que se foron sucedendo desde o momento no que ALCOA anuncia a venda da fábrica a un terceiro "serio e solvente que garantise a actividade e viabilidade da fábrica", como afirmou a propia ALCOA, hoxe soa “a burla”, e está máis relacionada comisión “dunha fraude e estafa programada a gran escala” que cunha operación industrial.
A compradora PARTER estivo case desde o primeiro momento preparando a venda da fábrica a outra empresa, o GRUPO RIESGO, “incumprindo as condicións de venda”, e colaborando con ALCOA para suspender as súas obrigas de achegas de fondos sociais.
Por outra parte, arfirmou o deputado, “os incumprimentos co persoal son graves e reiterados” como falta de ocupación de máis de 200 traballadores e traballadoras que lugar a actuacións inspectoras, demandas de conflito colectivo e convocatorias de folga, medidas ante as que a dirección da empresa actual responde con “represalias” e desatendendo os intentos de mediación e requirimentos realizados pola autoridade laboral e mesmo chegando recentemente a “despedir a 4 sindicalistas” entre os que se atopan o presidente e o secretario do Comité de empresa.
Outra empresa abocada ao peche
O deputado do BNG advertiu que falta de implicación política aboca a ALUIBÉRICA a un peche que será “insolvente” polos sistemáticos impagos a provedores e incumprimento de obrigas sociais .
A responsabilidade das empresas propietarias, a xestión da fábrica e as institucións e gobernos que nun primeiro momento se felicitaron polo acordo que evitaba o peche e salvaba os empregos, vai na senda de converterse “no episodio máis abusivo, vergoñento e escandaloso” do historial de desmantelamento industrial do noso país.
Dende o BNG, afirmou Mon, continuaremos reclamando un acordo para rescatar o emprego e unha actividade económica e industrial de carácter estratéxico para Galiza e para comarca da Coruña. Seguiremos reclamando “a intervención do goberno do estado” para incorporar a empresa ao sector público e promover a súa posterior venda a un operador privado que garanta a viabilidade do proxecto industrial”, reiterou.
Unha intervención pública para salvar ALUIBÉRICA
O parlamentario do BNG insistiu na intervención pública da empresa e puxo como exemplo a fábrica de aluminio de PORTOVESME en Italia, propiedade de ALCOA e tamén condenada ao peche e intervida polo Estado italiano, concretamente polo organismo italiano equivalente á SEPI do goberno de España, para a súa posterior venda a un terceiro que a poña en marcha, coa colaboración da empresa pública de enerxía italiana ENEL.
O nacionalista lamentou que os votos en contra do PP e a abstención do PSOE impedirán un acordo no Parlamento para intervir publicamente a fábrica, en coherencia cos compromisos adquiridos polos gobernos, mais tamén e sobre todo, dixo, para “resolver definitivamente unha crise e unha situación absolutamente intolerable”.