A deputada do BNG, Tereixa Paz pediu crear a categoría cumprindo o acordo de Condicións Especiais de Traballo do Persoal de Prevención e Defensa contra incendios forestais incluído no Convenio Colectivo único do Persoal laboral da Xunta
A deputada do BNG, Tereixa Paz volveu defender hoxe no Parlamento galego a creación da categoría profesional de bombeiro forestal dando resposta ao cumprimento do disposto no Acordo de Condicións Especiais de Traballo do Persoal de Prevención e Defensa contra incendios forestais incluído no Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral da Xunta de Galiza.
O portavoz do grupo parlamentario do PP, José Manuel Balseiro anunciou o voto en contra á Proposición non de lei nacionalista ao que a deputada respondeu que a proposta é unha medida que non supón ningún incremento orzamentario e como contrapartida para o servizo público que prestan, representa unha mellora nas condicións dese servizo público. Non entendemos, dixo, porque o Goberno nin o Partido popular amosan un mínimo interese para considerar esta posibilidade e iniciar o proceso de creación da categoría de bombeiro forestal.
En todo caso, engadiu, aínda a risco de ser reiterativos, dende o Grupo parlamentar do BNG seguiremos reclamando esta demanda porque é unha cuestión de xustiza e unha medida positiva para extinción de incendios e loita contra os incendios forestais.
A iniciativa do BNG instaba ao Goberno a iniciar de inmediato as negociacións para crear a categoría de bombeiro forestal, incluíndo en dita categoría ao persoal integrado nas actuais categorías de peón, peón condutor, xefe de cuadrilla, viaxante móbil e condutor de motobomba do Servizo de Prevención e defensa contra incendios forestais para que no prazo de seis meses dar cumprimento ao disposto no punto 3.18 do Acordo de Condicións Especiais de Traballo do Persoal de Prevencións e Defensa contra incendios forestais incluído no Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral da Xunta de Galiza.
A parlamentaria concluíu lamentando o voto en contra do PP a unha proposta destinada a dotar de maior profesionalización ao dispositivo e facilitar unha formación de máis calidade.