O PP impide que Feijóo compareza na Comisión contra a corrupción

Tereixa Paz censura a negativa do grupo conservador a solicitar documentación da Xunta sobre contratos e subvencións para seren analizados na comisión

A aprobación do plan de traballo da comisión para a elaboración de medidas de prevención e erradicación da corrupción política iniciada hoxe no Parlamento galego, só contou cos votos favorables do Partido Popular, tras un fallido intento da oposición para incorporar máis comparecencias e documentación da Xunta sobre contratos, adxudicacións e subvencións.

A deputada do BNG, Tereixa Paz considerou que a proposta de traballo da mesa da Comisión “resultaba insuficiente” ao impedir a comparecencia dos membros do Goberno galego, incluído o Presidente da Xunta, representantes do ámbito xudicial galego, sindical e cidadá polo que pediu “unha rectificación” para ampliar as comparecencias, solicitude que foi denegada polo grupo maioritario do Partido popular.

Paz criticou que o portavoz do PP afirmara que a “corrupción era unha actitude persoal” ao que a nacionalista respondeu que a primeira preocupación da cidadanía é “a corrupción política” aínda que o PP sega negando esta realidade.

Parece, engadiu, que a intención do Partido popular é “preservar aos corruptores nesta comisión” e tamén a eses intereses económicos e empresariais que acaban sendo favorecidos pola corrupción.

Veto a organizacións sindicais, Axencia tributaria e cidadanía

Na súa intervención, a deputada Tereixa Paz censurou a falta de vontade do PP para afondar nas verdadeiras causas da corrupción, “estamos, dixo, a falar de evasión e fraude fiscal, de negocios fraudulentos, acordos ilícitos entre compañías, de privatización dos servizos públicos, arbitrariedade no funcionamento da administración, escuras relacións entre a política e a empresa coa famosa porta de atrás que permite que políticos no exercicio do seu cargo tomen decisións sobre empresas nas que acaban sendo directivos”.

A parlamentaria nacionalista estendeu a corrupción ao propio sistema e a “procesos de perversión democrática” que lle dan carta de natureza legal á comercialización de preferentes e subordinadas, “casos, dos que son vítimas o conxunto do pobo a mans de multinacionais financeiras”.

O PP rexeita o plan de traballo do BNG

Tereixa Paz manifestou que corrupción tamén é incumprir os compromisos electorais e financiar ilegalmente os partidos. O grupo parlamentar nacionalista, engadiu, presentou un plan de traballo para abordar, a través das comparecencias e documentación, a contratación pública, subvencións, privatización de servizos e ben nas empresas públicas, o acceso á función pública, campañas electorais, decisións en urbanismo e as tramas de corrupción radicadas en Galiza como as Operacións Pokemon, Gürtell e Campión.

Tras uns minutos para negociar un novo plan de traballo, Tereixa Paz criticou que o Partido popular mantivera a súa intención de non aceptar ningunha modificación como solicitaba a oposición, “isto é unha tomadura de pelo e un paripé” e dende o BNG, anunciou, votaremos en contra porque “vetan vostedes as organizacións sindicais e aos axentes que poden aportar importante información sobre o que imos analizar”.

Paz mostrouse especialmente molesta ante a negativa do Partido popular a aportar documentación da Xunta ao fin de ser analizada pola comisión, “o Partido popular, reiterou, converte o Parlamento na súa leira” impedindo que saían a luz os casos de corrupción na administración pública.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG