O PP votou en contra da petición do BNG para celebrar un pleno no que Feijóo debía comparecer e dar conta das actuacións do Goberno galego sobre a construción do dique flotante na Ría de Ferrol
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera lamentou hoxe que o Partido popular, unha vez máis, non asuma a súa reponsabilidade e bote balóns fora á hora de explicar as verdadeiras razóns que impiden a construción do dique flotante na ría de Ferrol.
Jorquera lembrou que o pasado 5 de agosto facíase pública a resposta negativa da U.E sobre a consulta realizada polo Goberno do Estado español para construír o dique flotante e ao día seguinte, BNG e AGE solicitaron que o Presidente da Xunta comparecera, con urxencia, para dar explicacións. hoxe, 20 días despois, engadiu, reúnese a Deputación permanente e o PP vota en contra da solicitude, toda unha demostración da falta de vontade política do PP para cumprir cos seus compromisos co Sector naval e a comarca de Ferrol.
Jorquera tamén censurou a submisión do conselleiro de Industria tras coñecer a resposta de Bruxelas e declarar que la responsabilidad llama a que no se ponga en marcha. Nós dicimos o contrario, a responsabilidade con Ferrolterra e o Sector naval galego e seguir dando a batalla polo dique flotante.
Non estamos, explicou, ante unha cuestión técnica ou xurídica, estamos ante unha cuestión política polo que pedimos ao Goberno do Estado e de Galiza que recorra a decisión europea para que o dique poida ser construído. Por que dan carpetazo a este asunto cando a consulta foi informal e a decisión de Bruxelas non é definitiva? Preguntou.
O dique flotante tamén ausente na axenda con Merkel
Ante a recente visita da chancerelesa alemá, Angela Merkel, o portavoz do BNG preguntou porqué Rajoy en vez de preocuparse por buscarlle colocación a Cañete e De Guindos e recabar o apoio contra a consulta en Cataluña non incluíu a construción do dique, e a Xunta en vez de ensinarlle o botafumeiro á Sra. Merkel e desbrozar os camiños dende Predrouzos para que non enfociñase centrou os seus esforzos en abordar esta cuestión coa mandataria alemá.
Non hai axudas para o dique pero hainas para a Banca
O único que lles preocupa e botar a outros as culpasdixo Jorquera que criticou que a U.E destine miles de millóns de euros para a Banca como se non fosen axudas públicas.
O deputado tamén lembrou que a U.E autorizou axudas públicas por 251 millóns de euros aos estaleiros de GDANSK e condonou as débedas a Polonia doutros dous estaleiros.
Acaso as empresas galegas teñen as mesmas facilidades de acceso a crédito e mesmo interese que empresas en Alemaña, cuestionou. O verdadeiro problema, é que vostedes non defenden os intereses do País ante a Unión europea.
Neste sentido, acusou ao Partido popular de exercer de súbdito e papanatas e utilizar a Galiza en Europa como moeda de cambio e reiterou a petición do BNG para celebrar un pleno extraordinario co fin de consensuar unha postura de todos os grupos para reclamar ante a Unión europea a construción do dique.
As axudas non son incompatíbeis
As axudas públicas, recalcou, non son incompatíbeis porque entran dentro das excepcións do artigo 107: poderán ser compatíbeis co mercado interior as axudas destinadas a favorecer o desenvolvemento económico de rexións nas que o nivel de vida sexa anormalmente baixo e exista unha grave situación de desemprego.
Non é está acaso a situación de Ferrol cunha taxa do 32% de paro, 2.300 empregos perdidos nos últimos anos no sector naval e traballando un de cada tres habitantes, concluíu.