Só o PP se opuxo esta mañá á proposición do BNG que pedía aumentar os efectivos humanos e económicos do FOGASA a fin de rematar coa situación de atasco que sofre o FOGASA e que repercute negativamente en miles de traballadores que están tardando meses e incluso máis dun ano en cobrar o que se lles debe.
A iniciativa do BNG foi aplaudida por todos os grupos parlamentares salvo polo PP, a única forza política que rexeitou esta proposición non de lei, impedindo así a súa aprobación.
Perante os membros da Comisión de Emprego, Davila explicou que o Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) ten entre as súas funcións garantir que os traballadores e as traballadoras de empresas en quebra, cobren unha parte dos seus salarios e indemnizacións que se lles debe. Máis é tal a acumulación de expedientes que sofre o FOGASA tanto en Galiza como no resto do territorio do estado, que os pagos teñen un retraso medio de case un ano.
Os traballadores deben percibir en tempo e forma os salarios e indemnizacións que se lles debe
Se ademáis a estes retrasos se lles suma a tramitación xudicial previa de quebras, despidos ou reclamacións de cantidades, algúns traballadores pódense ver no trance de agardar incluso case tres anos desde que é despedido até que cobra todo o que se lles debe.
Davila describiu o caos que se vive nalgunhas oficinas do FOGASA: Os mesmos responsábeis do FOGASA nalgunhas zonas de Galiza poñen de manifesto que se acumulan miles de expedientes e que lles resulta practicamente imposíbel acudir a todas as vistas xudiciais nas que o Fondo debe acreditar se unha empresa é insolvente e se debe asumir a parte de débeda das empresas cos seus traballadores. Confesan que só asisten aos xuizos importantes que cifran nun 10%.
A deputada do BNG puxo enriba da mesa cifras. Así, sinalou que a día de marzo deste ano o FOGASA acumulaba máis de 13.814 expedientes sen tramitar en Galiza, expedientes que afectan a 20.997 traballadores. No conxunto do estado, subliñou, contabilizáronse 201.673 expedientes pendentes e 306.542 afectados. Un atasco que só é atendido por unha plantilla de 395 traballadores, que desde o ano 2008 é a mesma e non se incrementou a pesar do aumento enorme de expedientes.
A parlamentar nacionalista insistiu na necesidade de pagar en tempo e forma os salarios e as indemnizacións que se lles debe a traballadores en situación delicada e que precisan os cartos.