Tereixa Paz demandou no Parlamento, iniciar de inmediato as xestións para crear o corpo e categoría de bombeiro forestal e dar cumprimento do Convenio Colectivo Único do Persoal laboral da Xunta
A deputada do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe, a través dunha proposición non de lei, instar ao Goberno galego a iniciar as negociacións para a creación a categoría de bombeiro forestal integrando nela os peóns, peón condutor, xefe de cuadrilla , vixiante móbil e condutor de motobomba do Servizo de Prevención así como aplicar o acordo incluído no Convenio Colectivo Único de Persoal Laboral da Xunta de Galiza no apartado das condicións especiais de Traballo do Persoal de Prevención e Defensa contra Incendios.
O PP gaba o labor dos bombeiros forestais pero impide a súa regularización laboral
Pola súa parte, o portavoz do PP, José Manuel Balseiro, despois de gabar o labor dos traballadores do Servizo de Prevención e defensa contra os incendios forestais que protexen a Galiza verde e aos veciños dos lumes, anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista argumentando que chamarlle bombeiros forestais non supón ningún dereito retributivo nin de escala pero na función pública estas denominacións si teñen relevancia e o acordo do convenio colectivo laboral da Xunta para peón, peón condutor, xefe de cuadrilla, vixilante e condutor de motobomba establece que a época de perigo baixo de incendios son 8 meses e de perigo alto 4, polo tanto, afirmou non concorda coas categorías para labores de bombeiro forestal. Dende o noso grupo, remarcou, non consideramos oportuno introducir as modificacións propostas.
A deputada do BNG lamentou a posición do Partido popular e e explicou que a iniciativa nacionalista non comporta ningunha mellora salarial nin incremento dos orzamentos, representa, sen embargo, a adecuación das condición de traballo, seguridade do dispositivo e o recoñecemento de xubilacións ou enfermidades profesionais.
Finalmente, Tereixa Paz lembrou que outras comunidades como: Estremadura ou Aragón xa iniciaron as negociacións para mellorar as condicións laborais deste corpo.
A Modificación da lei de Montes do Ministerio rebaixa a protección dos montes galegos
Asemade, na Comisión de Agricultura e Montes, a parlamentaria do BNG tamén formulou unha pregunta ao Goberno galego relativa á reforma da lei de Montes iniciada polo Ministerio.
O secretario Xeral de Montes, Tomás Fernández Couto respondeu que a Xunta considera que non existe ningunha invasión de competencias nin rebaixa a protección dos montes como denuncian algúns sectores.
Tereixa Paz amosou o seu desacordo coas afirmacións de Couto e explicou que a rebaixa é palmaria como demostra a eliminación da prohibición de cambiar os usos urbanísticos dos montes durante 30 anos. Todo o mundo, abondou, considera esta medida un retroceso.
Tamén é un elemento de lasitude engadiu, introducir a eliminación da restrición do uso de vehículos de motor no monte ou eliminar que sexan as administracións as que velen polo cumprimento de criterios de carácter ambiental, económicos ou sociais do monte.
A deputada asegurou que a modificación do Estado cárgase a autoridade dos axentes forestais.
Por outra parte, elimina do do texto a palabra residual no sector da biomasa forestal pero xa sabemos, dixo, que vostede é un fanático da biomasa non residual e dos cultivos enerxéticos.